A continuación indico unha estimación aproximada das sesións de clase necesarias para levar a cabo a actividade organizadas en 2 temporalizacións posibles:
Temporalización mínima (3 sesións de clase) – realízase un breve percorrido polo blog centrándonos no apartado 2 dedicado á explicación da violencia de xénero. Esta temporalización pódese combinar coa realización dos carteis fóra do horario lectivo.
Temporalización media (5 sesións de clase) – limitámonos a pasear polas diferentes partes do blog, establecementos un pequeno coloquio co alumnado e de actividades realizamos os cuestionarios inicial e final e o cartel.
1ª, 2ª e 3ª sesións: Dedicaranse ao apartado 1 e 2 do blog. O alumnado realizará o cuestionario inicial de xeito individual. Estas tres sesións terán como obxectivo o recoñecemento dos comportamentos que indican violencia de xénero, as diferentes formas de violencia de xénero e as súas consecuencias na sociedade.
4ª e 5ª sesións: Dedicaranse á realización do cartel.
Temporalización longa (10 sesións de clase) – imos analizando cada parte do blog, detémonos na realización das diferentes actividades que se propoñen e realizamos o cartel. Nesta opción dedicámoslle maior cantidade de tempo ao intercambio de opinións co alumnado e en vez de realizar un coloquio de carácter xeral sobre o tema, establecemos varias postas en común centradas en diferentes aspectos da violencia de xénero.
Preténdese que ademais dos grupos que realicen toda a actividade sexa todo o centro o que se sensibilice a través dos carteis co problema da violencia de xénero, é por isto que se recomenda a súa exposición en lugares públicos do centro (corredores, por exemplo).
En cada cartel deberá figurar na parte traseira (non visible para o público) o nome dos autores ou autoras e na parte dianteira (visible para o público) un adhesivo pequeno colocado nunha esquina onde apareza o número do cartel dentro do concurso.
Por último dicir que a papeleta é recomendable que lle sexa repartida a todas as persoas integrantes do centro, sexan docentes ou non, xa que este é un problema que afecta a sociedade na súa totalidade e que é conveniente colocar a urna para introducir os votos nun lugar accesible a todas as horas.
Aquí se ofrece un posible modelo de papeleta de votación
_ _ _
Papeleta de votación
Escribe o número dos 3 carteis que segundo a túa opinión cumpran os seguintes requisitos:
1) Se adapten mellor ao tema da violencia contra as mulleres.
2) Esteticamente resulten máis atractivos e/ou novidosos.
Outórgolle o meu voto aos carteis cos números:
____ ____ ____