Este vai ser o –ismo máis rupturista e provocador. O seu obxectivo é a destrución da sociedade e da cultura tradicional para redescubrir a auténtica realidade. Para conseguilo sérvese do azar e da irracionalidade.
O dadaísmo reacciona contra a razón e os convencionalismos abrindo novos camiños na arte que van ser aproveitados polo surrealismo.
Substitúese o concepto de creación de arte polo de fabricación de obxectos.
Con este movemento xorde a crise do concepto de literatura, da produción textual e da súa finalidade.
A revolución tipográfica, a colaxe absurda presurrealista, a fotomontaxe e o deseño de revistas especializadas (única rede de información con que contaron as ideas programáticas Dadá), son algúns dos achados que significaron achegas tan fundamentais para a evolución do deseño gráfico que hai quen sostén que esta profesión nace realmente nestas datas.
Doutra banda, se Marcel Duchamp, Francis Picabia ou Tristan Tzara influíron no deseño gráfico, a pegada máis fonda foi a marcada polos grupos Dadá alemáns que crearon modelos que o deseño gráfico e o publicitario perpetuaron ata os nosos días.