Mais este non é un movemento de vangarda xa que carece dos seus medios e da súa crítica, nin é un movemento como tal, senón unha dirección, unha chamada aos cancioneiros.
O inciador da escola é Bouza Brey con Nao Senlleira (1933), aínda que o mesmo ano se publica Cantiga nova que se chama ribeira de Álvaro Cunqueiro, pero o primeiro é considerado o fundador posto que xa publicara poemas illados dese teor.
A tendencia adopta tres modalidades fundamentais:
-A que recrea a atmósfera, os símbolos, as estruturas e procedementos paralelísticos. Representada por Bouza Brey e Cunqueiro.
-A que usa fórmulas medievais, ben polo seu carácter falsamente popular ou exótico para construír imaxes vangardistas, ben pola súa expresividade lírica, inserida dentro da corrente neopopularista da vangarda. Son os seus representantes tamén Bouza Brey e Cunqueiro.
-A que reproduce fielmente os modelos da poesía medieval. O mellor exemplo é Xosé Mª Álvarez Blázquez.
As obras que podemos englobar dentro desta corrente son : Seis canciones del mar in moto antico (1941) de Filgueira Valverde, Poemas de ti e de min (1949 de Emilio e Xosé Mª Álvarez Blázquez), Cancioneiro de Monfero (1953) de Xosé Mª Álvarez Blázquez e Fabulario Novo (1952) de Manuel Cuña Novás entre outros.
Algúns críticos datan o seu final no ano 1953, coa obra de Xosé Mª Álvarez Blázquez Cancioneiro de Monfero, pero, posteriormente aínda foi cultivado por Manuel María, Novoneyra e Díaz Jácome.
Vas estudar o neotrobadorismo a través da obra do seu principal impulsor, Bouza Brey.