![]() |
Imaxe de Kilroy. |
DECRETO 86/2015, do 25 de xuño, polo que se establece o currículo da educación secundaria obrigatoria e do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia.
TÍTULO II
Bacharelato
CAPÍTULO I
Principios e obxectivos
Artigo 25. Finalidade
O bacharelato ten como finalidade proporcionarlle ao alumnado formación, madurezaintelectual e humana, coñecementos e habilidades que lle permitan desenvolver funcións sociais e incorporarse á vida activa con responsabilidade e competencia. Así mesmo, capacitará o alumnado para acceder á educación superior.
Artigo 26. Obxectivos
O bacharelato contribuirá a desenvolver no alumnado as capacidades que lle permitan:
a) Exercer a cidadanía democrática, desde unha perspectiva global, e adquirir unha conciencia cívica responsable, inspirada polos valores da Constitución española e do Estatuto de autonomía de Galicia, así como polos dereitos humanos, que fomente a corresponsabilidade na construción dunha sociedade xusta e equitativa e favoreza a sustentabilidade.
b) Consolidar unha madureza persoal e social que lle permita actuar de forma responsable e autónoma e desenvolver o seu espírito crítico. Ser quen de prever e resolver pacificamente os conflitos persoais, familiares e sociais.
c) Fomentar a igualdade efectiva de dereitos e oportunidades entre homes e mulleres, analizar e valorar criticamente as desigualdades e discriminacións existentes e, en particular, a violencia contra a muller, e impulsar a igualdade real e a non discriminación das persoas por calquera condición ou circunstancia persoal ou social, con atención especial ás persoas con discapacidade.
d) Afianzar os hábitos de lectura, estudo e disciplina, como condicións necesarias para o eficaz aproveitamento da aprendizaxe e como medio de desenvolvemento persoal.
e) Dominar, tanto na súa expresión oral como na escrita, a lingua galega e a lingua castelá.
f) Expresarse con fluidez e corrección nunha ou máis linguas estranxeiras.
g) Utilizar con solvencia e responsabilidade as tecnoloxías da información e da comunicación.
h) Coñecer e valorar criticamente as realidades do mundo contemporáneo, os seus antecedentes históricos e os principais factores da súa evolución. Participar de xeito solidario no desenvolvemento e na mellora do seu contorno social.
i) Acceder aos coñecementos científicos e tecnolóxicos fundamentais, e dominar ashabilidades básicas propias da modalidade elixida.
l) Comprender os elementos e os procedementos fundamentais da investigación e dosmétodos científicos. Coñecer e valorar de forma crítica a contribución da ciencia e da tecnoloxía ao cambio das condicións de vida, así como afianzar a sensibilidade e o respecto cara ao medio ambiente e a ordenación sustentable do territorio, con especial referencia ao territorio galego.
m) Afianzar o espírito emprendedor con actitudes de creatividade, flexibilidade, iniciativa, traballo en equipo, confianza nun mesmo e sentido crítico.
n) Desenvolver a sensibilidade artística e literaria, así como o criterio estético, comofontes de formación e enriquecemento cultural.
ñ) Utilizar a educación física e o deporte para favorecer o desenvolvemento persoal esocial, e impulsar condutas e hábitos saudables.
o) Afianzar actitudes de respecto e prevención no ámbito da seguridade viaria.
p) Valorar, respectar e afianzar o patrimonio material e inmaterial de Galicia, e contribuírá súa conservación e mellora no contexto dun mundo globalizado.
Artigo 27. Principios metodolóxicos
1. Os centros docentes implementarán metodoloxías que teñan en conta os diferentes ritmos de aprendizaxe do alumnado e as súas características individuais e/ou estilos de aprendizaxe, co fin de conseguir que todo o alumnado alcance o máximo desenvolvemento das súas capacidades. Así mesmo, estas metodoloxías deberán favorecer a capacidadedo alumnado para aprender por si mesmo, para traballar en equipo e promover o traballo en equipo, e para aplicar métodos de investigación apropiados.
2. A metodoloxía que se utilice no bacharelato favorecerá o traballo individual e en grupo, o pensamento autónomo, crítico e rigoroso, o uso de técnicas e hábitos de investigación en distintos campos do saber, a capacidade do alumnado de aprender por si mesmo, así como a transferencia e a aplicación do aprendido.
3. As tecnoloxías da información e da comunicación serán unha ferramenta necesariapara a aprendizaxe en todas as materias, tanto polo seu carácter imprescindible na educación superior como pola súa utilidade e relevancia para a vida cotiá e a inserción laboral.
4. A consellería con competencias en materia de educación promoverá as medidas necesarias para que as habilidades de comprensión de lectura e de uso da información, a expresión escrita e a capacidade de se expresar correctamente en público se traballen polo profesorado en todas as materias. O alumnado de bacharelato debe adquirir, ademais, un manexo adecuado da información en diferentes soportes e procedente de distintas fontes, incluída a biblioteca escolar, en liña co concepto de alfabetizacións múltiples.
5. Os centros docentes impartirán de xeito integrado o currículo de todas as linguas da súa oferta educativa, co fin de favorecer que todos os coñecementos e as experiencias lingüísticas do alumnado contribúan ao desenvolvemento da súa competencia comunicativa plurilingüe. No proxecto lingüístico do centro concretaranse as medidas tomadas para a impartición do currículo integrado das linguas. Estas medidas incluirán, polo menos, acordos sobre criterios metodolóxicos básicos de actuación en todas as linguas, acordos sobre a terminoloxía que se vaia empregar, e o tratamento que se lles dará aos contidos, aos criterios de avaliación e aos estándares de aprendizaxe similares nas materias lingüísticas, de xeito que se evite a repetición dos aspectos comúns á aprendizaxe de calquera lingua.
6. A acción titorial e a orientación educativa e profesional terán un papel relevante nesta etapa. O/a profesor/a titor/a coordinará a intervención educativa do equipo docente e manterá unha relación permanente cos pais, coas nais ou cos titores e coas titoras legais, co fin de garantir o exercicio dos dereitos recoñecidos no artigo 4.1.d) e g) da Lei orgánica 8/1985, do 3 de xullo, reguladora do dereito á educación.
*Tamén podes descargar o texto en formato .doc a través da seguinte
https://www.dropbox.com/s/ocyims0ppacaaf1/Texto%202-Principios%20e%20obxectivos%20do%20bacharelato%20LOMCE.doc?dl=0
_________________
ACTIVIDADES SOBRE O TEXTO
- Indica o tipo de texto segundo a intención comunicativa e segundo o ámbito de uso. Sinala dúas características coas que poidas xustificar a túa resposta. (As respostas que precisas pódelas atopar no libro de texto.)
- Cantos son os obxectivos sinalados para o bacharelato no Artigo 26? Cres que no texto todos os obxectivos son igual de importantes ou se establece algún tipo de xerarquía entre eles?
- Cales son os obxectivos referidos especificamente á competencia lingüística do alumnado? Que se di neles?
- Indica algún contido do texto que che resultase especialmente interesante, te sorprendese ou che gustaría salientar? Cal? Por que?
- Realiza un esquema no que deas conta da estrutura do texto e dos seus principais contidos.
- Cres que para ti como membro do alumnado resulta interesante este texto? Xustifica a túa resposta.
- Veste reflectido ou reflectida no tipo de adolescente retratado no texto? Xustifica a túa resposta.
- Segmenta morfoloxicamente a palabra “impartición” e sinala a súa clasificación segundo a estrutura mórfica (simple, derivada, composta, parasintética).
- Procura cinco substantivos abstractos no texto e indica se son abstractos de cantidade, de calidade ou de fenómeno.
- Indica o significado dos seguintes termos e expresións no seu contexto:
– Ordenación sustentable do territorio (no obxectivo L do Artigo 26).
– Patrimonio material e inmaterial galego (no derradeiro obxectivo do Artigo 26).
– Transferencia (no segundo principio metodolóxico do Artigo 27).
– Alfabetizacións múltiples (no cuarto principio metodolóxico do Artigo 27. Cantas e cales son?)