Ciclicamente todos os setembros sucédense unha serie de fenómenos para unha porcentaxe cada vez máis alta de profesorado:
- Corrixes os exames de setembro, deseñados en xuño cos mínimos minimísimos da materia e comprobas que, non é que case non aprobase ninguén senón que o resto o fixeron infinitamente peor que en xuño.
- Asistes a reunións de avaliación onde un grupo de profesionais procuran no fondo das súas notas do curso argumentos cos que poder chegar a argumentar un aprobado que non existe.
- Atendes a nais e pais que confiando no xuramento dos seus fillos de que lles saíu ben súper ben veñen demostrar que corrixiches mal súper mal porque esa é a única saída que queda antes do desastre da repetición.
- Recolles as túas cousas e deixas baleiro o armario.
- Despides compañeiros de traballo e non te despides daqueles cos que coincidiches no concepto da nosa profesión, na metodoloxía e nos risos de xantares e recreos coa promesa imposible de cumprir de non perder o contacto.
*Dedicado ás miñas opositoriñas.