Como todos os anos toca traballar a ortografía e ao facelo chegamos sempre ao tema de RIBEIRA e á desobediencia legal do concello do Barbanza no respecto que debe á legalidade vixente en canto a toponimia. É por iso que decidín recoller aquí a información que teño sobre o tema para quen a queira consultar, ampliar ou rebater se for o caso.
A información aparecida nesta páxina procede do artigo A falacia da forma *Riveira da Asociación Galega de Onomástica no portal do Instituto da Lingua Galega que algo saben do tema.
Etimoloxía
A palabra Ribeira procede do latín RIPARIAM que significaba o mesmo ca ribeira hoxe “franxa de terra que está ao lado dun río, dun lago ou do mar”.
Esta palabra débese escribir con -B- porque é o resultado da evolución dun -p- latino entre dúas vogais como se establece na nosa ortografía, que é etimolóxica (Normas Ortográficas e Morfolóxicas Do Idioma Galego, páx. 8). Este mesmo fenómeno podemos velo noutras palabras comúns como lobo (<LOPO).
Lexislación
1984 – A Xunta de Galicia publica o decreto polo que se establece o procedemento para a fixación ou recuperación da toponimia de Galicia.
1985 – Oficialízase o nome da maioría dos concellos.
2003 – Remátase a normalización de todas as entidades de poboación galegas.
Que pasou en Ribeira?
1984 – O concello en pleno aproba como forma oficial Riveira baseándose nun informe do cronista oficial da vila Xosé Carlos García Bayón (mestre, escritor e xornalista). Esta decisión non ten ningún valor legal xa que é competencia da Xunta de Galicia a fixación da toponimia.
O argumento de Bayón sostíñase en dous argumentos:
- Que na documentación antiga nunca aparecía Ribeira con -b-.
Esta afirmación era mentira como podemos ver na imaxe (podes clicar nela para ampliala), nela aparecen algúns dos moitos fondos documentais onde se rexistra ese topónimo con -B- xa nos séculos XV e XVI.
- Que o topónimo viña do apelido dunha suposta familia Mariño de Rivera a quen o rei de Castela lle dera carta de poboamento sobre estas terras no século XII.
Esta afirmación non pode ser certa porque as primeiras referencias históricas a un Mariño de Ribera relacionado con Soutomaior son do século XV e tamén aparecen con -b-.
Esta afirmación tampouco pode ser certa porque ata o século XIII (1230) a Coroa de Castela non tiña entidade histórica.
A aparición máis antiga rexistrada de Riveira con -V- datan do ano 1607 onde nas memorias do cardeal Jerónimo del Hoyo se rexistra “Sancta Eugenia de Rivera” onde xa aparece castelanizado todo o topónimo como acontece coa maioría da toponimia galega da época.