Compílanse aquí exemplos da aparición explícita de referencias metodolóxicas nalgúns dos textos lexislativos fundamentais da Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa, especialmente aqueles que fan referencia á aprendizaxe por proxectos.
Na Orde ECD/65/2015, do 21 de xaneiro, pola que se describen as relacións entre as competencias, os contidos e os criterios de avaliación da educación primaria, a educación secundaria obrigatoria e o bacharelato establécese o seguinte:
ANEXO I Descrición das competencias clave do Sistema educativo español
“Esta visión da competencia en comunicación lingüística vinculada con prácticas sociais determinadas ofrece unha imaxe do individuo como axente comunicativo que produce, e non só recibe, mensaxes a través das linguas con distintas finalidades. Valorar a relevancia desta afirmación na toma de decisións educativas supón optar por metodoloxías activas de aprendizaxe (aprendizaxe baseada en tarefas e proxectos, en problemas, en retos, etcétera), xa sexan estas na lingua materna dos estudantes, nunha lingua adicional ou nunha lingua estranxeira, fronte a opcións metodolóxicas máis tradicionais.”
ANEXO II Orientacións para facilitar o desenvolvemento de estratexias metodolóxicas que permitan traballar por competencias na aula
Para potenciar a motivación pola aprendizaxe de competencias requírense, ademais, metodoloxías activas e contextualizadas. Aquelas que faciliten a participación e implicación do alumnado e a adquisición e uso de coñecementos en situacións reais serán as que xeren aprendizaxes máis transferibles e duradeiras. As metodoloxías activas débense apoiar en estruturas de aprendizaxe cooperativa, de forma que, a través da resolución conxunta das tarefas, os membros do grupo coñezan as estratexias utilizadas polos seus compañeiros e poidan aplicalas a situacións similares. Para un proceso de ensino-aprendizaxe competencial as estratexias interactivas son as máis adecuadas, ao permitir compartir e construír o coñecemento e dinamizar a sesión de clase mediante o intercambio verbal e colectivo de ideas. As metodoloxías que contextualizan a aprendizaxe e permiten a aprendizaxe por proxectos, os centros de
interese, o estudo de casos ou a aprendizaxe baseada en problemas favorecen a participación activa, a experimentación e unha aprendizaxe funcional que vai facilitar o desenvolvemento das competencias, así como a motivación dos alumnos e alumnas ao contribuír decisivamente á transferibilidade das aprendizaxes. O traballo por proxectos, especialmente relevante para a aprendizaxe por competencias, baséase na proposta dun plan de acción co que se busca conseguir un determinado resultado práctico. Esta metodoloxía pretende axudar o alumnado a organizar o seu pensamento favorecendo neles a reflexión, a crítica, a elaboración de hipóteses e a tarefa investigadora a través dun proceso en que cada un asume a responsabilidade da súa aprendizaxe, aplicando os seus coñecementos e habilidades a proxectos reais. Favorécese, por tanto, unha aprendizaxe orientada á acción na cal se integran varias áreas ou materias: os estudantes poñen en xogo un conxunto amplo de coñecementos, habilidades ou destrezas e actitudes persoais, é dicir, os elementos que integran as distintas competencias.
Finalmente, é necesaria unha adecuada coordinación entre os docentes sobre as estratexias metodolóxicas e didácticas que se utilicen. Os equipos educativos débense propor unha reflexión común e compartida sobre a eficacia das diferentes propostas metodolóxicas con criterios comúns e consensuados. Esta coordinación e a existencia de estratexias conexionadas permiten abordar con rigor o tratamento integrado das competencias e progresar cara a unha construción colaborativa do coñecemento.
__________________________________
De seguido amósanse exemplos da aparición explícita de referencias metodolóxicas no currículo LOMCE de ESO, especialmente aqueles que fan referencia á aprendizaxe por proxectos.
DECRETO 86/2015, do 25 de xuño, polo que se establece o currículo da educación secundaria obrigatoria e do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia.
TÍTULO I Educación secundaria obrigatoria
CAPÍTULO I Principios e obxectivos
Artigo 11. Principios metodolóxicos
9. Para unha adquisición eficaz das competencias e a súa integración efectiva no currí- culo, deberán deseñarse actividades de aprendizaxe integradas que lle permitan ao alumnado avanzar cara aos resultados de aprendizaxe de máis dunha competencia ao mesmo tempo. Para isto, aproveitaranse as posibilidades que ofrecen as metodoloxías de proxectos, entre outras, así como os recursos e as actividades da biblioteca escolar.
10. Os centros docentes impartirán de xeito integrado o currículo de todas as linguas da súa oferta educativa, co fin de favorecer que todos os coñecementos e as experiencias lingüísticas do alumnado contribúan ao desenvolvemento da súa competencia comunicativa plurilingüe. No proxecto lingüístico do centro concretaranse as medidas tomadas para a impartición do currículo integrado das linguas.
CAPÍTULO III Orientación e atención á diversidade
Artigo 18. Integración de materias en ámbitos de coñecemento
Coa finalidade de facilitar o tránsito do alumnado entre a educación primaria e o primeiro curso de educación secundaria obrigatoria, a consellería con competencias en materia de educación e, de ser o caso, os centros docentes, poderán agrupar as materias do primeiro curso en ámbitos de coñecemento. Este tipo de agrupación deberá respectar os contidos, os estándares de aprendizaxe avaliables e os criterios de avaliación de todas as materias que se agrupan, así como o horario asignado ao conxunto delas. Esta agrupación terá efectos na organización das ensinanzas, pero non así nas decisións asociadas á avaliación e á promoción.
___