Este espazo radiofónico, que se vai emitir os sábados pola tarde de 15:00 a 16:00, vénse sumar á información semanal do imprescindible ao longo de todos estes anos Diario Cultural conducido por Ana Romaní dende outubro de 1990.
Arrinca a andaina cunha sintonía luminosa que é unha declaración de intencións e xa nos achegamos ás seccións do programa:
– Cómplices – os persoeiros que cada semana visitarán o programa. Nesta primeira entrega serán Eli Ríos e Cesáreo Sánchez Iglesias
– Eli Ríos que nos fala da súa novela Luns, publicada o pasado día 7 e que vén de recibir o Premio Torrente Ballester. Xa tiña ganas de ler o libro, pero despois de escoitala falar da obra, a lectura xa se converte nunha cita imprescindible. A historia de Nerea, unha muller que ten como único horizonte un cancro que rematará con ela en dous meses, ofrece unha novela visceral que move o lectorado a facer algo no plano da realidade das persoas que nos rodean. Se tedes oportunidade, non perdades a presentación de Luns o vindeiro día 13 na Biblioteca da Deputación na Coruña.
– Cesáreo Sánchez Iglesias preséntanos o seu Tempo transfigurado, unha suxestiva produción que aúna música con poesía. No volume tras cada poema aparece un músico e ao final do libro ofrécese a banda sonora de cada poema. Un libro que fala do amor, de orfandade e de trascendencia en comuñón con outras artes.
– A Literatura Infantil e Xuvenil da man de Montse Pena Presas chega nunha aposta pola apertura do xénero a todo o lectorado. E para comezar o mellor dos nosos clásicos, Agustín Fernández Paz, empeñado sempre en dignificar a LIX. A súa lembranza púxonos un nó de amor na gorxa seguido do goce de achegarnos a O único que queda é o amor (relatos de persoas ás que o amor e o desamor lles cambiaron a vida, a importancia de diferentes tipos de amor ao longo da vida) e Un mundo de palabras (recompilatorio de textos sobre a lectura).
– Os favoritos de Malores Villanueva comezan coa obra O derradeiro libro de Elma Olsen, a primeira novela de Berta Dávila, tamén unha historia dunha muller que se enfronta a un cancro escribindo.
– A Poesía achégaa Alba Cid cunha sección na que incluirá novidades, poemarios rescatados, traducións e recitado (teremos que agardar á segunda entrega do programa para escoitar esta sección).
– Cachiños de libros – audiofragmentos de obras literarias, esta semana de Luns de Eli Ríos e de Galería de Saldos de Diego Giráldez.
Os meus mellores desexos para este Chamando á Terra, a nova ventá da nosa literatura na Radio Galega.