Tiven a oportunidade de dar co artigo “Innovación e inspección educativa: luces y sombras”, un texto do inspector de educación galego Santiago Sobrino Josenje publicado en Organización y gestión educativa, Revista do Fórum Europeo de Administradores da Educación.
O autor ofrécenos algunhas das claves de como debe ser entendida a inspección educativa dende unha perspectiva construtiva onde a inspección asume un novo papel de motor de cambio moi interesante que encaixa como unha peza máis na construción dos proxectos didácticos. Recollo aquí en 6 puntos as que considero as ideas fundamentais do texto:
- O inspector debe liderar un traballo colaborativo con outros axentes externos, que lles proporcione aos centros o apoio necesario para a busca de proxectos educativos innovadores que supoñan a transformación curricular e metodolóxica nas aulas.
- A inspección debe actuar tamén como motor de cambio e ser peza clave para canalizar as demandas e necesidades dos centros respecto á innovación educativa.
- A innovación non só representa o novo. Tamén pode supoñer melloras sobre o que se está a realizar co obxectivo de comprobar o que mellor funciona de cara a conseguir mellores obxectivos.
- A inspección educativa debe supervisar, informar e asesorar para que os Plans de Formación Permanente do Profesorado repercutan en prácticas innovadoras.
- As inspectoras e inspectores deben converterse en nodos de innovación educativa e de cohesión entre centros educativos, construíndo redes de profesionais da educación que fomenten comunidades de innovación educativa e establecendo vías e procesos de interacción, intercambio e diálogo onde esas comunidades colaboren e compartan.
- A inspección educativa debe garantir que na organización dos centros haxa espazos e tempos que fagan posible a acción colexiada, as dinámicas de análise e reflexión compartidas sobre os procesos de ensinanza-aprendizaxe. Promover a cooperación entre os profesores e o traballo colaborativo e apoialos no traballo conxunto en canto a obxectivos comúns.
SOBRINO JOSENJE, Santiago: “Innovación e inspección educativa: luces y sombras” en Organización y gestión educativa: Revista del Fórum Europeo de Administradores de la Educación, ISSN 1134-0312, Vol. 25, Nº 5, 2017, páxs. 23-27.