Ler e comprender

Fotografía de A Profa.

Volve ás librarías Francisco X. Fernández Naval cunha novela moi potente e de completa actualidade tanto na temática, a violencia contras as mulleres, coma no xénero literario, o thriller. Alma é o mar bebe da tradición clásica no seu docere delectando en tanto que mentres gozamos da intriga da trama enfrontámonos asemade a un retrato realista do trato que reciben as mulleres na nosa sociedade.

Alma, unha guionista galega, volve de Nova York “para reflexionar sobre o camiño a seguir” despois dunha experiencia violenta e instálase en Agrovello nunha casa sobre as rochas d’A Costa da Morte. A partir de aí entrará en contacto con outras mulleres e xorde a trama do thriller. A novela avanza simultaneamente en dous planos ao longo de doce capítulos, o da historia exterior e o da viaxe interior de Alma, a protagonista. O autor reforza o plano desta viaxe interior cun elemento formal na escrita, a presenza nos capítulos dunha segunda parte denominada “Do caderno de Alma”, que reproduce unha especie de diario da protagonista. Esta parte do texto sérvelle ao autor para transgredir as fronteiras dos xéneros incluíndo poemas e mesmo unha obra teatral na que se realiza unha revisión do mito de Lupa. Nesta escrita íntima tamén nos achega a mulleres importantes da historia e marcadamente da literatura, entre as que inclúe nomes da literatura de noso como Marta Dacosta, Eva Veiga, Ana Romaní, Marilar Aleixandre ou María Solar.

Un dos acertos de “Chisco” é a capacidade se mergullar no interior das mulleres normais sen lecturas estereotipadas (Aurea, Ofelia, Silvia, Brenda, Nora) para ofrecer unha ollada dende o interior de nós realizando unha lectura das situacións que moitos homes non son quen de ver e seguindo as diferentes maneiras en que nosoutras lles damos solución.

En reiteradas ocasións, co gallo dalgunha entrevista, o autor ten referido como precisa os seus espazos vitais para a escrita, aqueles que en certo xeito o marcaron e nos que atoparon a felicidade os seus días. É deste xeito como o Ourense da súa infancia e A Costa da Morte da súa vida adulta chegan á novela na vida de Alma. A paisaxe aquí non é só pano de fondo senón que se converte en protagonista xa dende o propio título, Alma e o mar, o mar como elemento líquido que nos envolve dende a experiencia prenatal e no que nos mergullamos para escoitalo e escoitarnos a nós mesmos nesa burbulla de son na que todo semella alleo a nós. O mar como esa liberación que se desprende desa acertada imaxe da portada que tanto nos di da novela.

Alma e o mar, a novela sobre mulleres que deberían ler os homes para comprender.

 

FERNÁNDEZ NAVAL, Francisco X.: Alma e o mar. Editorial Galaxia. Vigo. 2017. 404 páxinas.

*Este texto publicouse o xoves 1 de febreiro de 2018 nas páxinas do suplemento cultural Faro da Cultura do xornal Faro de Vigo.

Máis información sobre o autor en:

SEN COMENTARIOS

DEIXAR UNHA RESPOSTA