Fermoso himno aos tempos idos
PILAR PONTE
Poucas ocasións temos de nos achegar á literatura escocesa e agora chéganos unha oportunidade moi especial co volume Canción do solpor de Lewis Grassic Gibbon a través da tradución de Cecilia Recarey Rendo en Irmás Cartoné. Este selo editorial creado por ela e Carlos Valdés dedícase á publicación de textos clásicos da literatura universal e ten o mérito de contar xa con dezaoito volumes no mercado en tan só catro anos.
Lewis Grassic Gibbon, pseudónimo de James Leslie Mitchell, foi un autor escocés que morreu prematuramente con tan só trinta e catro anos despois de cultivar xéneros como a narrativa histórica e a ficción. A súa obra Cancion de solpor, a primeira da triloxía Scots Quair, foi elixida en 2005 como a mellor obra da literatura escocesa e está considerada unha das obras clave do Rexurdimento escocés do século XX.
A lectura do volume lévanos a paisaxes escocesas moi próximas ás nosas, a un mundo rural nos que recoñecemos, onde a chuvia, os labores agrícolas e gandeiros, como muxir as vacas, marcan o noso paso pola vida onde só a terra permanece. Non podemos deixar de chamar atención sobre o traballo textual realizado por Celicia Recarey que consegue transmitir o alento saudoso dese mundo ido, ese mesmo que tan ben soubo levar á gran pantalla Terence Davies
Estamos no comezo do século XX, onde principia a mecanización do campo, estala a Guerra Mundial e as pequenas comunidades agrícolas se ven sometidas a forzas externas que as axitan ata facer tremer os seus alicerces.
A historia de Chris Guthrie é a de moitas raparigas espelidas con inquietudes intelectuais que se viron atrapadas na elección trampulleira entre a fidelidade á casa familiar e a fuxida cara ao descoñecido. E ela ficou nunha familia labrega onde o patriarcado o xustificaba todo.
Cando pensamos no horror da guerra facémolo de xeito colectivo, fixándonos nos grandes feitos e nos números enormes de vítimas mortais, nos feridos mutilados, Grassic ofrécenos iso e moito máis, dános a visión íntima desa traxedia, ponnos diante da versión da guerra que entrou pola porta nunha granxa de Escocia: “Marchara sendo Ewan Tavendale, volvera feito un home tan vulgar e cruel que en lugar de amor foi o odio o que entrou cantando no corazón de Chris… aquel ser torturado que era o mozo perdido con quen casara”.
A vida da protagonista sempre foi dura e logo chegan a traxedia e o horror, mais Grassic cóbreo todo dun lirismo que non deixa lugar á escuridade, é como se a paisaxe conseguise que todo fose un fluír como o grandioso son dunha gaita atravesando as agras de Blawearie.
Canción de solpor é un himno a eses tempos idos que ofrece a experiencia lectora de recuperar o sabor dos grandes relatos da novela decimonónica.
GRASSIC GIBBON, Lewis: Canción de solpor. Irmás Cartoné. A Coruña. 2018. 313 páxinas.
*Este texto publicouse o xoves 8 de novembro de 2018 nas páxinas do suplemento cultural Faro da Cultura do xornal Faro de Vigo.