Este 2025 comeza ben, inaugúrase na Profa cunha celebración.
Leo con admiración e alegría a noticia do aniversario das Brétemas de Manuel Bragado nas que tanto levo aprendido e gozado. Se por un casual pasase alguén por aquí que non saiba do que falo, Brétemas é o blog que o señor Manuel Bragado leva mantendo na rede dende o 3 de xaneiro de 2005, mostra dunha banda da perseveranza do autor nesta empresa creadora e, doutra banda, do moito e interesante que tiña para nos ofrecer ao longo destas dúas décadas nas que tanto mudou.
Non sei se xa son obxecto de estudo estas Brétemas; se non o son, hano de ser de seguro como crónica privilexiada destes vinte anos da nosa cultura.
Sinto saudade daqueles tempos vizosos do blogomillo, que ao mellor gozan de mellor saúde hoxe mais non é tan palpable. Lembro aquelas listaxes onde cada enderezo dun blog era un referente e seguíalos co entusiasmo da descuberta dunha nova forma de escribir e de entrar en contacto que había de crear unha comunidade que lle ía dar unha nova dimensión á nosa cultura e á nosa lingua.
Vivo o aniversario con agradecemento pola información e polo entretemento mais, sobre todo, pola formación intelectual que para min significou en moitas ocasións a súa lectura, algunhas das reflexións ás que me levou posiblemente non terían nacido noutras liñas.
Moitas grazas, Manolo, que a empresa das túas Brétemas teñan unha longa vida e que eu poida lela.