Non me podo lembrar en que taberna de que porto foi. Só sei que a cortina da entrada era vermella e que se enchía como unha vela co vento noitego. Debeu de se-lo rapaz de abordo (sempre andaba con nós, fumaba en paipa e chiscaba o ollo) quen ó ve-la cortina daquel xeito dixo que iamos en popa. Outro dixo que estaba empreñada. E outro que era unha bailarina. Moura…, engadiu; razón, supoño, de que non lle visen as pernas. Este xa tresvariaba, e no pulo de ir namorar á bailarina desapareceu.
Bulía a marexada das conversas con ese ledo barullo en que xa non se sabe un quen fala e quen escoita. Nalgún intre paréceme que se falou dos chinos… duns que ateigaban grandes ríos coas casiñas boiantes; e por entre eses chinos apareceron uns ingleses, e xa de seguida estaba outro lembrándose dunha noiva que tivera en Cardiff e do bonito que era oíla coma quen oe a un paxaro, facendo que entendía (yes, yes…), para que ela rise e garulase máis. Sobre mulleres, como son, como convén tratalas, case que todos tivemos algo que dicir. Cousas, por certo, de moi pouco peso.
Fóranse algúns dos máis trouleiros, e aínda se lles oíu cantar, desafinando polo fino, ó virar por algunha venela cara ós diques, cando o Vello Moreno, deica entón moi calado, arregañou os dentes (non podo xurar que aquilo fose unha surrisa) e dixo ollando para min e, máis de esguello, para outros que estaban por alí, preto da súa mesa:
– ¡Parvadas!
Cando lle quixen da-la razón, sen saber ben aínda a que parvadas afitaba, xa estaba el rosmando cousas que non entendín, como disposto a se pechar de novo nos seus pensamentos.
– Si, lerias… –dixen eu non obstante, na teima de certar–. Coidan que en catro retrousos caben tódolos casos e misterios do mundo.
Entón espabilouse:
–¡Os casos do mundo!… Eu sei dunha muller que aínda hoxe agarda polo seu home… ¡Mais agarda en balde!
Arregañou os dentes outra vez. Se era dor ou surrisa, ou tenreza ou furia, eu non o sei. Era el así, o Vello Moreno. Polo xeito de acariña-lo vaso, xa baleiro, que un mociño espilido acudiu a encher e que el esbicou, pareceunos que ía contar algunha cousa, algún raro exemplo. Todos calamos e escoitamos.
– Ela coidou que ninguén o había de saber… –rompeu a dicir despois dun intre de silencio que, para todos nós, era parte do conto–; e como se sentía, digo eu, moi enlevada por aqueles ollos de entendido en mulleres que a percorrían paseniño de pés a cabeza, deixou primeiro abertas as orellas, parándose a oí-lo que non debía, e despois as portas… ¡A modiño, a modiño! Non espertar ós nenos…
O narrador fixo unha pausa ollando para nós. Nas caras de todos viu que si, que entendiamos… Podía seguir.
– ¡Malpocada! –dixo como considerando o caso moi delicadamente–. En segredo, en segredo, fórono sabendo todos, tódolos que nas vilas saben estas cousas… E o raposiño aquel, viaxante, por máis señas, e do que non se soubo máis nada algún tempo despois, deixou dicir cousas moi churrusqueiras a catro lampantíns que trincaban á súa conta. Deixounas dicir, sentindo as cóxegas. El a sorrir, moi reservado… Máis ou menos de esguello, falouse do home dela, que andaba lonxe, a navegar. E foi cando el dixo (aínda agora se conta): ¡Disque é un toscalleiro, pero soubo escoller! Dígovolo eu… E baixou unha punta do bigote para desafogar, mordéndoa, algún degaro súpeto que lle gavearía polo corpo. Non sei por que me entreteño neses detalles…
–Os contos hai que adornalos –dixo algún dos presentes.
–Si, hai que adornalos, moi ben adornadiños –fungou o Vello Moreno. Bebeu un pouco, apartou de si o vaso e seguiu xa de corrido–: Un día soubo que o seu home viña xa de volta. Que estaba preto, na cidade… Soubo que podía chegar axiña, no intre insospeitado, e encomenzou a arranxa-la casa para recibilo con agarimo. Disque ata mercou algunha roupa nova… E velaí que o home non remataba de chegar. Chegaron en troques dous deses baúles que chaman mundos. E aínda outro despois. E, nunha letra, os miles para o desempeño. E de seguida outra que dobraba á primeira. Mais del, do home, ninguén daba razón. Soamente preguntas das veciñas. ¿E logo, cando vén? Mañá, mañá… As avesulladoras viron como se miraba nun espello, como poñía aquí, alá, o retrato del, co seu marquiño de cunchas e caramuxos… Mañá, mañá. Os picariños non se fartaban de remexer nas pechaduras dos mundos, ou de andar arredor. Ó cabo puideron abrilos, porque da cidade chegou o máis vello amigo do navegante e deulles unhas chaves… E mentres eles remexían, o forasteiro falaba moi baixiño coa nai.
Do seo dos mundos encomenzaron a saíren adovíos de neno, feitucos e rechamanduscos, lambetadas, un trenciño, moedas estranxeiras, bólas de vidro, azuis moradas, cor da prata, do ouro, do lume… E deberon de se quedar moi aglaiados cando llas mostraron á nai, e viron que ela rompía a chorar… E ben, esa muller é a que agarda en balde. Hai quen di que lle quería ó seu home.
Calou un intre. Parecía de pedra; unha pedra na que fosen deixando tremulentas escumas, vindo de moi lonxe, unhas escuras ondas. Dicía agora:
–Si, dende fóra, en falas e consellos, é moi doado ter bos ollos e boas entrañas. As entrañas demóstranse… Por exemplo, non tendo trato, anos arreo, con muller ningunha. Talmente un frade, deses antigos, dos desertos, mais acudindo a tesar un cabo, ou a empuxar bultos na estiba ou ó que cadre, que os brazos aínda rexen; e hai nun deles un nome floreado que non se desborra. Un bo traballo, feito por eses chinos que falabades. Si, hai quen di que lle tiña lei ó seu home, hai quen o di… ¡Mais a min, a min, non haberá quen teña cara a mo dicir!
E de súpeto o Vello Moreno, que tiña a man a tremer no cinto, arrandeou no aire o seu coitelo e espetouno na mesa. Longo tempo quedou o coitelo a abanear.
Seica fun eu quen preguntou despois dun silencio:
–¿Hai moitos anos que foi…?
O Vello Moreno pasou a man pola branca testa rapada e dixo:
–Moitos.
Non quixen preguntar máis, e falamos do semblante do tempo.


* Este texto de Rafael Dieste pertence á súa obra Dos arquivos do trasno (1913).

SEN COMENTARIOS

DEIXAR UNHA RESPOSTA

*