A Consellaría de Cultura e Deporte vén de poñer en marcha Patrimonio.org, a plataforma en Internet da Dirección Xeral de Patrimonio que reúne os recursos na Rede sobre patrimonio cultural galego. A web conta con información práctica e de actualidade, fotos, vídeos, lexislación, rutas e un buscador de elementos patrimoniais.

A web nace coas fichas de 122 dos máis destacados elementos do patrimonio cultural galego. Castelos, pazos, pontes, igrexas, mosteiros, patrimonio etnográfico, castros, gravados rupestres, megálitos, patrimonio industrial, museos, arquivos e demais elementos do patrimonio forman parte desta base de datos de bens patrimoniais.

Cada ficha incorpora unha descrición do ben, con información sobre os seus valores históricos e artísticos, fotografías, o grao de protección do ben e outros datos de interese. Achégase ademais información práctica sobre a súa localización a través das coordenadas e da súa posición nun mapa. As fichas de bens patrimoniais están en continua actualización, polo que a diario iranse incorporando novos elementos patrimoniais á web. Desde Patrimonio.org pódense enviar por Internet como postais as imaxes dos elementos patrimoniais presentes nas fichas.

Para facilitar a busca dos elementos do noso patrimonio cultural, a web incorpora un buscador que permite localizalos atendendo a criterios diversos: área xeográfica, comarca e concello no que se atopan, tipo de ben, datación, estilo ou grao de protección.

A web reserva un espazo para rutas culturais. Trátase de propostas de percorridos por varias comarcas galegas para coñecer os seus elementos patrimoniais máis destacados. As rutas están pensadas para ser descargadas como PDF e acompañar aos viaxeiros, ademais de poder descargar a ruta en formato GPS.

Actualidade e información práctica

Ademais das fichas dos xacementos, museos, arquivos e monumentos, Patrimonio.org constitúese como centro de recursos na Rede para achegarse á actualidade e acceder a información práctica sobre o patrimonio cultural de Galiza. A web incorpora as últimas novas da Dirección Xeral, así como unha axenda de actividades, e os avisos e convocatorias (premios, subvencións, etc.) relacionadas co patrimonio cultural.

A web conta cun apartado dedicado ao marco normativo, no que se pode descargar a lexislación galega do patrimonio cultural. Pódense descargar tamén publicacións da Consellaría de Cultura e vídeos sobre o patrimonio. Outro apartado está dirixido aos escolares, con información sobre patrimonio deseñada para público infantil, xunto con unidades didácticas pensadas para os diferentes niveis educativos.

Estiven botándolle unha ollada e segundo vaian engadindo máis fichas creo que vai acabar por ser unha desas páxinas que sempre están á man.

SEN COMENTARIOS

DEIXAR UNHA RESPOSTA