Rapaz manifestándose en Compostela a favor do galego.

110. Investiga que é un microconto. Logo argumenta por que podemos considerar este texto un microconto.
111. Os pronomes persoais eu e yo neste texto non teñen o seu significado gramatical habitual senón que adquiren unha nova significación. Explica todo o que poden significar eu e yo neste contexto.

Cartel en Aturuxo! (Boiro) baseado na frase do conto de Sechu Sende coa imaxe do cadro O berro de Edvard Munch.
112. En 2007 o xornal Galicia Hoxe facíalle unha entrevista a Séchu Sende, nela podemos atopar o seguinte:
Que quere dicir a frase ‘Eu nunca serei yo’?
Foi a orixe do libro. Foi un verso dun poema. Regaleille á miña moza unha camiseta con ese verso. É un verso contra a colonización cultural, na tradición da poesía de resistencia. Quen proclama iso anuncia que forma parte dunha cultura que non se vai deixar asoballar nin desaparecer.
Coincide a intención do escritor coa que ti lle atribuíches ao texto? Cal é a diferenza ou diferenzas?

113. Este microconto funciona a xeito de lema. Segundo a Wikipedia, un lema é unha frase, xeralmente curta, que trata de impulsar unha idea como base dunha actividade, empresa, sociedade, etc. como “Citius, altius, fortius: ‘Máis rápido, máis alto, máis forte’ que é o lema en latín dos xogos olímpicos. Inventade novos lemas que sirvan para a defensa do galego.

114. Esta frase ademais de ser unha defensa do galego indica tamén unha reafirmación na defensa do propio, do más íntimo que son eu, a miña propia persoa. 
En 2010, a Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística lanzou unha campaña publicitaria baseándose nesta idea.
O que se pretendía transmitir con esa campaña é o seguinte:
Que ter unha lingua propia é unha SORTE, non unha desgraza, é un ORGULLO, non un problema…
Porque hai quen se empeña en ver, ou en facer ver, o galego coma un problema, e non o é, é un motivo de ORGULLO.
Por iso lanzamos esta campaña, para PRESUMIR do que somos, do que temos, do noso, para FACHENDEAR da nosa lingua.
E ese orgullo a nós xa nos vén de vello, e herdámolo de moitos que se esforzaron antes ca nós pola lingua, pero queremos que se estenda e que dure, por iso deseñamos esta campaña non como algo puntual, senón coma unha campaña que nos gustaría que fose duradeira no tempo, igual ca o ORGULLO de ter unha lingua propia, un patrimonio que debemos conservar.
O ORGULLO por ter unha lingua de futuro que –se queremos podemos utilizar en todos os ámbitos.
O ORGULLO por ter unha lingua que nos abre camiños á comunicación con millóns de persoas no mundo.
O ORGULLO de ter unha lingua de noso.

a) Observa agora estes catro vídeos da campaña e contesta para cada un a estas preguntas: Cal é o obxectivo xeral? Cal é o ámbito de normalización que pretende? Cres que deixa clara a súa mensaxe? Que provoca en ti así de primeiras?
 

b) Cres que esta campaña ten razón no que di? 
Se a túa resposta é Si vai a c).
Se a túa resposta é Non vai a d).
c) Cres que o estudo desta campaña vai cambiar en algo o teu comportamento lingüístico? 
Se a túa resposta é Si, explica en que cres que o vai cambiar.
Se a túa resposta é Non vai a e).
d) Razoa con argumentos a túa resposta negativa.
e) Dis que cres que a campaña ten razón pero que non vas cambiar en nada, se falas galego sempre non fagas nada máis. Se non falas galego sempre intenta explicar o porqué da túa contradición.

115. Se estás de acordo coa campaña elabora un argumentario de por que ti nunca serás tu. Logo podedes sumar os vosos argumentarios e montalos en banda deseñada, podcast ou vídeo. Se o desexades tamén lle podedes enviar o voso material á Coordinadora de Equipos para que o publicite (correo@coordinadoraendl.org).

116. Deseñade diferentes camisetas co lema de Séchu Sende.

SEN COMENTARIOS

DEIXAR UNHA RESPOSTA