Case toda a páxina 10 está dedicada a unha longa intervención do narrador.


“Logo, as frases quedan suspendidas incomodamente no aire. A camareira segue a guindar palabras amables por ver se algún dos ocupantes da mesa as recolle pero, unha vez máis, obtén o silencio como única resposta. E non será porque non o tente. O home de pelo branco fai boliñas co pano de papel unha vez acabou de beber dun só grolo un café con leite en cunca de almorzo. O neno, en cambio, dá voltas e máis voltas ao ColaCao cun churro. Ás veces bota o líquido por fóra, outras os pos achocolatados mánchanlle o bico e a caza e captura dos anacos de masa fritida nunca foi a súa actividade favorita. Odia as migallas que se perden no fondo do vaso e puag, que noxo, as natas! Os dous mergullan cada día no seu rito mimético ata que o avó dobra os papeis, bota dentro do cinceiro as faragullas e sacode as mans. Daquela, o pícaro sabe que comeza a conta atrás e debe beber o ColaCao que lle quede, sexa moito ou sexa pouco no breve tempo en que o avó pague e agarre o pomo da porta de saída. E os dous sairán pola porta do mundo ata o día seguinte. Patricia apañará a conta exacta do mostrador e sorrirá como única beizón antes de seren engulidos polo balbordo da rúa. Así, día tras día.” 

  • Atendendo a este parágrafo falaremos dun narrador testemuña ou dun narrador omnisciente? Xustifica a túa resposta con palabras tiradas do texto.

Lembra:
Narrador testemuña é aquel que ve os feitos desde o exterior como se fose unha personaxe máis.
Narrador omnisciente é aquel que é coñecedor de todo, tanto do que lles acontece ás personaxes como do que pensan ou senten.

SEN COMENTARIOS

DEIXAR UNHA RESPOSTA