E chegou o venres, tiña unha cita ilusionante, convidada pola asociación cultural deportiva Troula de Oroso ía participar nunha dobre presentación dos libros de Héctor Cajaraville Quen dá a quenda? e De remate publicados por Xerais, si, é tan prolífico o Héctor que lle hai que facer as presentacións dos libros xa de dous en dous!
Por certo, tiñades que ver que marabilla de escenario, tíñano todo preciosísimo, había unha portada xigante do libro De remate, e logo unha mesa á que non lle faltaba de nada, tiña os típicos botellos de plástico de auga cos vasos de calquera presentación pero logo había o “kit para a presentación perfecta” fágovos unha listaxe ordenada de todo o que traía para que vos fagades a idea:
1. un sombreiro modelo De remate para sentirte o protagonista da historia
2. un mantel de cadros vichí de cores que son os mellores cadros para toda merenda que se teña por tal
3. unha cafeteira con café por se alguén quedaba durmido de aburrimento
4. pan de molde e nocilla para untar e facer máis nutritiva a experiencia
5. un teléfono por se era necesario realizarlle algunha chamada urxente á meiga Divina para que nos solucionase calquera problemiña.
Como vedes, non faltaba de nada!
Sabía que ían intervir canda min Diego Boquete, que presentaría o acto, e Adrián Boquete do que nunca oíra falar. O caso é que chego á Casa da Cultura e preséntanme ao tal Adrián. Velaquí o tedes:

 

Non é que eu non coñeza nenos, nin que me aterroricen nin nada semellante pero téñolles moitísimo respecto aos nenos que len porque para
min son os mellores críticos do mundo e ademais alí había moitas nenas e nenos.

O caso é que comeza o acto e danlle paso a Adrián, e fíxoo tan ben, tan ben que case non me deixou cousa importante por dicir de Quen dá a quenda? Pero o mellor será que o vexades cos vosos propios ollos. Velaquí o vídeo da súa intervención:
Quedei abraiada porque Adrián escolleu xusto aquelas historias que son tamén as que máis me gustan a min do libro. Afortunadamente logo tiven a oportunidade de seguir a falar con el de libros e outras cousas e pareceume un rapaz ben interesante de coñecer. Habedes ter máis noticias del en breve, pero non vos quero adiantar acontecementos, prefiro que quededes coa intriga. Mentres déixovos unha foto que fixemos Adri e mais eu coa súperportada do libro De remate.

Onte, 29 de abril de 2016, foi unha data importante porque onte naceu un crítico literario, chámase Adrián Boquete, non lle perdades a pista, eu non o vou facer.

SEN COMENTARIOS

DEIXAR UNHA RESPOSTA

*