O galego na escola

0
604

O galego na escola. Propostas para o futuro da lingua no eido educativo

CONVERSAN:

Mariló Candedo – Profesora na Universidade da Coruña, membro de NEG.

Valentina Formoso – Profesora de Secundaria.

Henrique Monteagudo – Profesor na Universidade de Santiago, secretario da RAG.

Pilar Ponte, A Profa – Profesora da Secundaria, membro de Aulas Galegas.

MODERA:

Manuel Bragado – Mestre, presidente da Fundación Luzes.

Hoxe tiven a oportunidade de participar nesta conversa sobre o futuro da lingua no eido educativo, foi un pracer comprobar como compartimos enfoques e a percepción de moitas das necesidades, mais tamén a visión cara ao futuro.

Compilo aquí algunhas das ideas que eu tiña anotadas xunto con outras que foron saíndo, pido desculpas polas que falten porque na atención ás outras intervencións perdín de anotar moitas delas:

  • Hai que garantir a dobre competencia para conseguir cidadáns e cidadás libres.
  • A importancia do labor da Academia no desenvolvemento duns estudos de diagnóstico lingüístico básico para poder analizar a situación actual, detectar as tendencias e a partir de aí poder deseñar as estratexias.
  • As medidas que se teñen dado nas últimas décadas de presenza no galego no ensino tiñan que ter dado moitos mellores resultados.
  • Deberiamos preguntarnos se as metodoloxías teñen que ser diferentes para galego falantes e castelán falantes.
  • As actitudes dos españois de fóra e dos inmigrantes tamén son un problema en tanto non se poña en valor a integración cultural.
  • Precisamos enfocarnos en que o alumnado teña competencias pragmáticas sobre a lingua.
  • O proxecto lingüístico de centro como estratexia central do desenvolvemento das linguas nos centros educativos.
  • Habería que reclamar unha liña educativa galego falante que non existe.
  • O decreto de bilingüismo foi o sinal do abandono do galego.
  • O perfil de profesora ou profesor que vive a lingua e a cultura galega se non ten desaparecido si que deixou de ser o maioritario mesmo no profesorado de lingua galega e literatura.
  • É imprescindible abrir unha liña de formación lingüística do profesorado dirixida ao estudo da norma e ao coñecemento sociolingüístico e a importancia do labor sociolingüístico do profesorado na creación dunha sociedade respectuosa coa cultura propia.
  • Se a educación é unha actitude ao longo da vida, a galeguización do ensino ten que chegar tamén a aqueloutras formas de aprendizaxe informal e non limitarse só ao ensino regrado.
  • A ampliación da vixencia dos libros de texto, da dixitalización e da optatividade, especialmente no bacharelato, son tres factores que na práctica prexudicaron a oferta en galego de materiais didácticos. É esta unha liña de traballo que debería ser prioritaria tamén para fornecer o profesorado de ferramentas educativas útiles, actualizadas e de calidade en galego.
  • É fundamental a adopción real dun enfoque comunicativo no ensino da lingua que cree unha mocidade falante e non só escribinte.
  • Non abonda con que haxa unha lexislación de promoción do idioma, senón que debe haber un traballo de concienciación entre os profesionais sobre cal é o seu papel nese proceso de concienciación social.
  • A importancia da función dos Equipos de Dinamización da Lingua Galega nos centros educativos.

SEN COMENTARIOS

DEIXAR UNHA RESPOSTA