O carácter global dos movementos vangardistas que abrangueron todas as artes provoca que esta unidade posúa múltiples conexións interdisciplinares dentro do currículo do bacharelato. Deseguido sinálanse polo miúdo todas as materias da etapa coas que poderiamos establecer relación e, xa que logo, coas que sería desexable que a través da comisión de coordinación pedagóxica se establecese un fluxo de comunicación que fixese posible a coordinación da docencia entre esas áreas e a de Lingua galega e literatura II. Sería especialmente aconsellable isto coa materia Lingua castelá e literatura II para evitar as antipedagóxicas repeticións de contidos e conseguir un maior aproveitamento dos tempos e recursos.

Materia con conexión interdisciplinar que xa tería cursado o alumnado en 1º de bacharelato:
Historia do mundo contemporáneo

Materias con conexión interdisciplinar que o alumnado estaría cursando en 2º de bacharelato:
Lingua castelá e literatura II
Literatura universal
Historia da arte
Análise musical II
Historia da música e da danza

______________________________

* Materias con conexión interdisciplinar en 1º de bacharelato:

HISTORIA DO MUNDO CONTEMPORÁNEO – É unha materia propia da modalidade de humanidades e ciencias sociais. Nesta disciplina hai un apartado nos contidos dedicado á historia da primeira metade do século XX.
Conflitos e cambios na primeira metade do século XX.
-A Primeira Guerra Mundial. Os tratados de paz.
-A Revolución Rusa de 1917. Formación e evolución da URSS.
-A economía de entreguerras. Da recuperación dos anos vinte á Gran Depresión.
-Sociedade de masas e incorporación da muller ao traballo asalariado. O voto feminino.
-Crise das democracias parlamentarias. Ditaduras e réximes fascistas.
-Tensións internacionais e Segunda Guerra Mundial. A organización da paz. As vítimas das ditaduras e da guerra; o holocausto.

______________________________

* Materias con conexión interdisciplinar en 2º de bacharelato:

LINGUA CASTELÁ E LITERATURA II – É unha materia do 2º curso de bacharelato común a todas as modalidades. propia de dúas modalidades, da modalidade de artes escénicas, música e danza e mais da modalidade de humanidades e ciencias sociais. Nesta disciplina dentro dos contidos referidos ao discurso literario hai un apartado dedicado especificamente ao primeiro terzo do século XX e mais concretamente ao vangardismo na literatura castelá.
-O século XX: transformacións sociais e ideolóxicas. Xéneros, escritoras e escritores e obras desde principios de século ata a Primeira Guerra Mundial: Juan Ramón Jiménez, Xeración do 98, Vangardismo, Novecentismo. O período de entreguerras; da Primeira Guerra Mundial á Guerra Civil española: Grupo do 27, literatura comprometida.

_________

LITERATURA UNIVERSAL – É unha materia propia de dúas modalidades, da modalidade de artes escénicas, música e danza e mais da modalidade de humanidades e ciencias sociais. Nesta disciplina hai un apartado nos contidos dedicado especificamente as vangardas.
-As vangardas europeas. O Surrealismo.

_________

HISTORIA DA ARTE – É unha materia propia da modalidade de Artes plásticas, deseño e imaxe. Nesta disciplina hai un apartado nos contidos dedicado á arte na primeira metade do século XX.
A ruptura da tradición: a arte na primeira metade do século XX.
-As vangardas nas artes plásticas. Influencia das tradicións non occidentais. Fauvismo, Expresionismo, cubismo e as súas variantes. Os inicios da abstracción. Dadá e o Surrealismo. Novas formas na escultura.
-Renovación da linguaxe arquitectónica: arquitectura funcional e orgánica. O urbanismo no século XX.

_________

ANÁLISE MUSICAL II – É unha materia propia da modalidade de Artes escénicas, música e danza. Nesta disciplina hai un apartado nos contidos dedicado á música no século XX.
A música no século XX.
-O impresionismo: estudo analítico das características sonoras e estilísticas do período (procedementos harmónicos, cadencias, ornamentación, sonoridades…). Principais autores e as súas técnicas compositivas. Influencia da música doutras culturas. Uso da tímbrica e tratamento da orquestra.
-O expresionismo; estudo analítico das características sonoras e estilísticas (procedementos harmónicos, cadencias, ornamentación, sonoridades…), formas e xéneros do século XX. Principais movementos e compositores máis importantes. O novo concepto do tempo e a tímbrica. O ritmo. A música galega no século XX. O jazz.
-A música electroacústica, aleatoria, estocástica, a nova complexidade, a música fractal.

_________

HISTORIA DA MÚSICA E DA DANZA – É unha materia propia da modalidade de Artes escénicas, música e danza. Nesta disciplina hai un apartado nos contidos dedicado ás primeiras tendencias modernas.
Primeiras tendencias modernas.
-O impresionismo. Características musicais e figuras representativas.
-Novas linguaxes no século XX: o século dos ismos: Surrealismo, Expresionismo, etc. A evolución dos elementos da música.
-A Segunda Escola de Viena: do Posromanticismo ao Dodecafonismo. Composición e técnicas.
-O Neoclasicismo. Representantes principais da composición. Stravinski.
-Teatro musical europeo e americano a comezos do século XX.
-Relación da música do século XX con outras linguaxes; orixe e desenvolvemento da música de jazz.

SEN COMENTARIOS

DEIXAR UNHA RESPOSTA