[Fotografía de Foto Fallo x1.6]

.

…………NAVY BAR

ESTE bar ten balances
E tamén está listo
pra se facer á vela

Enchéronnos o vaso
con toda a auga do Mar
pra compor un cock-tail de horizontes

Pendurados das horas
atlas xeográficos de esperantos
están sin tradución
E tatexan as pipas
co ademán políglota das bandeiras

Ese cantar improvisado
………………………………é o mesmo
que xa se improvisou nalgures

Quen chegou avisándonos
desa cita noiturna que temos
co vento ao N.E.
na encrucillada das estrelas apagadas?

Eiquí bebe de incónito
O Mariñeiro Descoñecido
-sin xeografía nin literatura-
A noite dos naufraxos
co seu brazo salvavidas
aferrará connosco unha vela de chuvascos

O vaso derradeiro
estaba cheo de despedidas

Polas rúas dispersas
ibámonos fechando
cada un dentro da súa alta mar

No repouso dalgún vaso
tódalas noites naufraga o Bar.

  1. Este texto de Manuel Antonio insírese na parte dedicada á navegación dentro da súa obra De catro a catro, mais nesta ocasión o protagonista non está no barco rodeado de mar senón que realiza unha parada en terra. Le o texto e resume nunhas liñas o que che provoca.
  2. Explica mediante que procedementos consegue o autor lograr a identificación entre individuo e mar.
  3. Analiza como son as personaxes que habitan o mundo do Navy bar.
* Despois de faceres as actividade, podes atopar aquí un comentario completo do poema realizado por Anxo González Guerra e Vitoria Ogando Valcárcel.

SEN COMENTARIOS

DEIXAR UNHA RESPOSTA