2. A coraxe, a audacia e a rebeldía van ser elementos esenciais da nosa poesía
3. A literatura magnificou ata hoxe a inmobilidade do pensamento, a éxtase e o soño, nós queremos exaltar o movemento agresivo, o insomnio febril, a carreira, o salto mortal, a labazada e a puñada.
4. Afirmamos que o esplendor do mundo se enriqueceu cunha beleza nova: a beleza da velocidade. Un coche de carreiras co seu capó adornado con grandes tubos semellantes a serpes de alento explosivo… un automóbil ruxinte que parece que corre sobre a metralla é máis belo que a Vitoria de Samotracia.
5. Queremos encomiar o home que ten o volante, cuxa lanza ideal atravesa a Terra, lanzada ela mesma polo circuíto da súa órbita.
6. Cómpre que o poeta se prodigue con ardor, fausto e esplendor para aumentar o entusiástico fervor dos elementos primordiais.
7. Non hai beleza senón na loita. Ningunha obra de arte sen carácter agresivo pode ser considerada unha obra mestra. A poesía debe ser concibida como un asalto violento contra as forzas descoñecidas, para reducilas a prostrarse diante do home.
8. Estamos sobre o outeiro máis elevado dos séculos! Por que nos deberiamos protexer se pretendemos derrubar as misteriosas portas do Imposible? O Tempo e o Espazo van morrer mañá. Vivimos xa no absoluto porque xa creamos a eterna velocidade omnipresente.
9. Queremos glorificar a guerra -única hixiene do mundo-, o militarismo, o patriotismo, o xesto destrutor dos anarquistas, as belas ideas para as cales se morre e o desprezo da muller.
10. Queremos destruír os museos, as bibliotecas, as academias variadas e combater o moralismo, o feminismo e todas as demais covardías oportunistas e utilitarias.
11. Ímoslles cantar ás grandes multitudes que o traballo axita, polo pracer ou pola revolta: ímoslles cantar ás mareas multicolores e polifónicas das revolucións nas capitais modernas; ímoslle cantar ao febril fervor nocturno dos arsenais e dos estaleiros incendiados por violentas lúas eléctricas; ás estacións ávidas devoradoras de serpes que fumegan, nas fábricas colgadas nas nubes polos fíos das súas fumaredas; nas pontes parecidas a ximnastas xigantes que salvan os ríos brillando ao sol como coitelos escintilantes; nos barcos de vapor aventureiros que olen o horizonte, nas locomotoras de peito ancho que pisan os raís como enormes cabalos de aceiro embridados de tubos e ao voo esvaradío dos avións cuxa hélice renxe ao vento como unha bandeira e semella que aplauda como unha tola demasiado entusiasta.
É desde Italia onde imos lanzar ao mundo este manifesto noso de violencia atropeladora e incendiaria, co cal fundamos hoxe o “futurismo”, porque queremos liberar este país da súa fedorenta gangrena de profesores, de arqueólogos, de cicerones e de anticuarios.
Xa durante demasiado tempo Italia foi un mercado de antigallas. Nós queremos liberala dos innumerables museos que a cobren toda de cemiterios innumerables.