………….
………..INTENCIÓNS

ENCHERÉMO-LAS velas
ca luz náufraga da madrugada
Pendurando en dous puntos cardinaes
a randeeira esguía
do pailebote branco
………………..Cas súas mans loiras
………………..acenan mil adeuses as estrelas

Inventaremos frustradas descobertas
a barlovento dos horizontes
pra acelerar os abolidos corazóns
dos nosos veleiros defraudados

Halaremos polo chicote
dun meridián innumerado
Na illa anónima
de cada singladura
esculcaremos o remorso da cidade
………Ela noitámbula desfollará
………como unha margarida prostibularia
………a Rosa dos Ventos do noso corazón

Encadearemos adeuses de escuma
pra tódalas praias perdidas
Xuntaremos cadernos en branco
da novela errante do vento
Pescaremos na rede dos atlas
ronseles de Simbad

E cazarémo-la vela
sobre o torso rebelde das tormentas
pra trincar a escota dunha ilusión.

  1. Este texto de Manuel Antonio é o que inaugura a singradura poética que supón o libro De catro a catro. Le o texto e resume nunhas liñas o que che provoca.
  2. Analiza agora o ton da composición. É optimista ou pesimista? Xustifica a túa resposta.
  3. Localiza no poema elementos léxicos que ata daquela non serían obxecto de materia poética.
  4. Repara por último na disposición tipográfica dos versos (na maneira en que están colocados), e mais na ausencia de signos de puntuación. Que cres que persegue o autor con cada unha destas características?
* Despois de faceres a actividade, podes atopar aquí un comentario completo do poema realizado por Anxo González Guerra e Vitoria Ogando Valcárcel.

SEN COMENTARIOS

DEIXAR UNHA RESPOSTA

*