[Dalí: Natureza morta con luz de lúa, 1925]


………………
SÓS

FOMOS ficando sos
o Mar o barco e mais nós

Roubánronnos o Sol
O paquebote esmaltado
que cosía con liñas de fume
áxiles cadros sin marco

Roubáronnos o vento
Aquel veleiro que se evadeu
pola corda floxa do horizonte

Este oucéano desatracou das costas
e os ventos da Roseta
ourentáronse ao esquenzo
As nosas soedades
veñen de tan lonxe
como as horas do reloxe
Pero tamén sabemos a maniobra
dos navíos que fondean
a sotavento dunha singladura
No cuadrante estantío das estrelas
ficou parada esta hora:
O cadavre do Mar
fixo do barco un cadaleito

…..Fume de pipa……… Saudade
…..Noite…… Silenzo…. Frío
…..E ficamos nós sós
…..Sin o Mar e sin o barco
…..nós

  1. Este poema de Manuel Antonio insírese na parte dedicada á navegación dentro da súa obra De catro a catro. Le o texto e resume nunhas liñas o que che provoca.
  2. Analiza polo miúdo o tratamento do espazo e do tempo nestes versos. Como son un e outro? Responden a unha concepción tradicional? Xustifica a túa resposta.
  3. Esta composición contén tres dos versos máis famosos da literatura galega. Explica o seu significado.
    As nosas soedades
    veñen de tan lonxe…….
    como as horas do reloxe
  4. Localiza no poema diferentes imaxes simbólicas e explica o seu significado.
  5. Por último, sinala que características atopas no texto que che permitan clasificalo como unha produción vangardista.

* Despois de faceres a actividade, podes atopar aquí un comentario completo do poema realizado por Anxo González Guerra e Vitoria Ogando Valcárcel.

SEN COMENTARIOS

DEIXAR UNHA RESPOSTA