O valego, lección de resistencia

PILAR PONTE

A colección Crónica de Xerais reservábanos como fin de festa para 2013 un interesante ensaio sobre as falas de orixe galega en Estremadura. Un estudo dialectolóxico? Si e non. A resposta será afirmativa en canto o obxecto de estudo, mais tanto polo contido do volume como polo seu obxectivo estamos perante unha obra que vai máis aló resultando unha lectura interesante non só para sisudos filólogos senón tamén para calquera persoa interesada en como a fala pode sobrevivir durante séculos grazas á conciencia idiomática e de comunidade diferenciada dos seus falantes.

O doutor Xosé-Henrique Costas actualiza, reestrutura e revisa de xeito conxunto os estudos realizados ao longo de dúas décadas de visitas ao Val do Ellas engadindo ademais materiais inéditos. Para isto achega a descrición da xeografía, onomástica, demografía e economía do val formado polos “Tres Lugaris”, realiza unha historia do galego nesta zona, desenvolve as hipóteses sobre o mantemento no tempo desta fala, delimita as falas obxecto de estudo e leva a cabo unha minuciosa descrición lingüística.

Resultan especialmente atractivos desde o punto de vista sociolingüístico o capítulo dedicado ao contexto lexislativo e político das linguas minorizadas en España, o que estuda a Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias, así como o que afonda na historia da reivindicación destas falas.

Como o autor recolle no epílogo, o que interesa é que o valego “se coñeza e se recoñeza, que se ame”.

COSTAS GONZÁLEZ, Xosé-Henrique: O valego. As falas de orixe galega do val do Ellas (Cáceres – Estremadura). Edicións Xerais de Galicia. Vigo, 2013. 278 páxinas.

Este texto foi publicado o xoves 9 de xaneiro de 2014 no suplemento Faro da Cultura de Faro de Vigo.

SEN COMENTARIOS

DEIXAR UNHA RESPOSTA

*