Contos de soños e sombras de Ariza Piñeiro

0
5101
Entre o medo e o terror
PILAR PONTE
 
Contos de soños e sombrasde Ariza Piñeiro aparece na meritoria colección Alcaián de UrcoEditora, unha aposta por zume novo na arte da palabra. 
 
Este libro de relatos móvenos entre o medo e o terror con finais por veces sorprendentes ao gusto de Dieste (“A rapaza do meu soño”). O soño convértese nun elemento nuclear ao redor do que xiran obsesivamente varias das historias. O mundo do inconsciente é o punto de conexión entre a realidade e o mundo das tebras, a regaña pola que se coan almas que buscan vinganza ou que nos veñen buscar para nos levar canda elas.
Un dos acertos creativos do autor é o seu aproveitamento da nosa traxectoria fílmica, que lle permite aforrar na parte narrativa porque abonda con suxerir para provocar en nós a imaxe impactante, sabedor de que xa ten gravada nos nosos ollos toda unha cinematografía do terror previa. Contribúe tamén a isto a presenza do Ariza guionista, de tal xeito que o diálogo rápido é quen leva todo o peso da trama precipitándonos cara a uns finais fatais (“Xamais voltarei ao pazo”).
Mais non todas as historias son de medo, e así temos “A lenda do pequeno trasno”, unha fermosa metáfora en clave trasno dos mecanismos de represión utilizados polos centros de poder.
ariza piñeiro
Desexamos que Ariza Piñeiro teña unha vizosa carreira literaria e que non se demore en nos ofrecer o seu próximo froito.
ARIZA PIÑEIRO, César: Contos de soños e sombras. Urco Editora. Colección Alcaián. A Coruña, 2012. 208 páxinas.
_____
 
Este texto foi publicado en outubro 2013 no suplemento Faro da Cultura de  Faro de Vigo.

*Este libro foi lido voluntariamente por máis da metade dos meus alumnos e alumnas de 4 ESO no curso 2015-2016. O 100% do alumnado que leu este libro escolleuno como a mellor lectura do curso.

SEN COMENTARIOS

DEIXAR UNHA RESPOSTA