Infamia de Ledicia Costas en Xerais.

“A estrada atravesaba un monte mesto e fermoso coma as cousas incorruptas. A un lado e outro, as árbores semellaban criaturas estrañas e desproporcionadas. Sacudían as súas extremidades con torpeza polo impulso do vento.”

“—Sería un interesante experimento sociolóxico: a vila antes e despois da traxedia. Ves toda esa néboa? –preguntoulle a continuación, sinalando un punto indefinido no aire–. Pensarás que estou tolo, pero antes da desaparición as néboas non eran tan mestas. É algo difícil de explicarlle a alguén que non leva toda a vida vivindo aquí. Esa mesma néboa que se multiplicou no ambiente aniñou dentro de nós. Ás veces é coma se nos devorase por dentro pouco a pouco.”

“A soidade é unha pantasma que aparece de cando en vez, mais está prohibido mencionala. Porque, se compartes a vida con alguén, significa que non hai espazo para ese sentimento. E, se existe, é porque algo non funciona. Hai dúas cousas que son inconfesables dentro dunha parella: a soidade e o feito de botar de menos a outra persoa.”

“Non esquezas abrigar tamén o corazón; hai órganos que non toleran a xeada.”

“E logo irrompera o silencio e Emma comprendera que en Merlo, coma na súa propia vida, moraba unha besta que se alimentaba dos segredos. Acabaría devorándoos a todos eles se non a detiñan a tempo.”

“—Por primeira vez en moito tempo non estou no medio de ninguén –bisbou ela–. É unha sensación rara. A liberdade pode ser moi amarga.
—O amargo non é a liberdade, senón as decisións que hai que tomar para acadala –dixo el, por fin.”

“Cando un adulto perde a capacidade para se emocionar, significa que algo na súa vida o fai sufrir. Os nenos sábeno moi ben, aínda que non consigan poñerlle palabras.”

“Un cativo sen infancia é un autómata engaiolado nun corpo diminuto.”

“Cando te violan con oito anos, o único que importa son os feitos e os recordos que se gravan a lume e te destrúen por dentro pouco a pouco, ata te converter nunha tundra. O teu subsolo transfórmase nunha masa de xeo onde non poden medrar as árbores. Tan só sobreviven liques e musgo, que se adhiren á pel coma parasitos. Hai pantanos, turbeiras e un vento glacial que nunca, xamais, cesa.”

SEN COMENTARIOS

DEIXAR UNHA RESPOSTA