Dado que esta unidade non se presenta illada no currículo senón que só é unha parte da literatura do primeiro terzo do século XX e que o tempo neste curso é bastante escaso non semella posible realizar actividades de avaliación dedicadas exclusivamente ao estudo das vangardas que de seguro han de ser avaliadas xunto co resto da literatura do primeiro terzo do século XX.Como avaliación inicial presentamos as actividades recollidas baixo o epígrafe “Introdución á unidade” que nos van permitir dunha banda analizar os coñecementos previos e doutra analizar as destrezas na busca de información e na organización de grupos de traballo.Aínda que non se sinalan actividades específicas, si que se recollen deseguido os criterios de avaliación que deberían guiar as avaliacións procesual e final desta unidade:* Interpretar diferentes tipos de discursos orais, escritos e audiovisuais e a situación en que se desenvolven, captando o sentido global e a intención do discurso, a mensaxe e as súas ideas principais e secundarias.
* Coñecer o significado das vangardas de principios do século XX como un fenómeno global, os seus diferentes –ismos, os movementos de vangarda especificamente galegos así como tamén os seus autores e obras máis representativos.
* Analizar as diferenzas entre unha produción literaria de tradición decimonónica e unha vangardista.
* Ler, analizar e comentar obras e fragmentos significativos das vangardas, utilizando os coñecementos sobre as formas literarias (xéneros, recursos literarios, versificación) e os distintos movementos e autores.
* Compoñer producións escritas planificadas de análise literia con coherencia, cohesión, corrección ortográfica amais dunha coidada presentación.
* Compoñer producións escritas de creación literaria con coherencia, cohesión, corrección ortográfica amais dunha coidada presentación, valorando a literatura como unha forma de exteriorizar as nosas vivencias artísticas.
* Participar en interaccións orais de acordo coas normas establecidas e realizar producións orais planificadas, relacionadas con algún contido do currículo ou tema de actualidade e usando recursos audiovisuais, bibliográficos e das tecnoloxías da información e comunicación.

Por último, o desenvolvemento da unidade será avaliado semanalmente nas reunións de departamento para tomar aquelas medidas que se consideren oportunas sobre a marcha. Ao final de curso recolleranse os resultados tanto do alumnado como da avaliación do proceso na memoria anual do curso con indicación expresa daqueles aspectos ou elementos que deberán ser engadidos, modificados ou eliminados para a súa mellora de cara ao futuro.

SEN COMENTARIOS

DEIXAR UNHA RESPOSTA