As redes sociais ofrécennos diferentes opcións para desenvolver a necesidade de comunicación para vivir en sociedade inherente aos seres humanos. E cando esa vontade de transmitir información se centra no contido literario xorden figuras como bookbloggers, booktubers e bookstagrammers.

Nun primeiro momento apareceron os bookbloggers, persoas que utilizan o blog para falar de libros.

Primeira recensión de Ramón Nicolás no seu Caderno da Crítica en outubro de 2010.

Despois chegaron os booktubers que naceron ao redor da rede social de vídeo YouTube, e utilizan o vlog (un blog en formato vídeo).

E finalmente, agora chegan os bookstagrammers aloxados na rede Instagram.

Fotografía atopada en Yorokobu sen atribución.

Booktubers

Reciben o nome de booktubers as persoas que crean contidos para a rede social YouTube relacionados cos libros. O termo pódese relacionar con outros colectivos de creadores como o de gamers centrados nos videoxogos ou os beauty gurus na beleza.

A maioría das canles creadas ao redor dos libros dedícanse á análise de obras de ficción en xeral mais tamén as hai dedicadas á literatura clásica, aos audiolibros, aos cómics, etc.

Os vídeos adoitan dedicarse a pequenas recensións literarias, pero tamén os hai que recollen listaxes de libros preferidos, dos mellores libros do ano, de novidades, ou das vindeiras lecturas que se pensan facer, etc.

Non podemos saber con exactitude o número de persoas que practican esta actividade que se inicia en 2012 no mundo anglosaxón e de alí se estende a todo o mundo pero si que podemos atopar na rede listaxes nas que aparecen as canles que contan con máis centos de miles de seguidores. Dentro deles, salienta o booktuber lugués Sebas (+ de 200.000 seareiros).

A importancia deste fenómeno vese reflectida tamén nas grandes citas do sector, así na prestixiosa Feria Internacioinal del Libro de Buenos Aires na edición de 2017 incluíase na súa programación o III Encuentro Internacional de Booktubers onde os seus protagonistas eran aclamados coma estrelas da música ou do cine.

Semella claro que estamos a vivir a consolidación das e dos booktubers como unha comunidade en rede na sociedade da información que neste momento constrúe e modifica os gustos lectores probablemente con máis forza que calquera outra forma de divulgación literaria.

(Seguiremos afondando no tema.)

Fontes de documentación

Déixovos aquí as fontes de documentación que utilicei para crear esta entrada dedicada aos booktubers:

LANDÍN, Román: Etiqueta Booktubers no blog Caderno da lingua; Data de consulta 20180211 ás 08:53

LEONOR:  “Booktubers: multialfabetizacións e literatura” en Caderno de Escola; 2015/12/26; Data de consulta 20180213 ás 00:53

LIONETTI, Julieta: “La próxima lectura. Modelos de recomendación de libros en línea” en La lectura en España: informe 2017; páxinas 157-171.

Viquipèdia en catalá: artigo “Booktube”. Data de consulta: 20180212 ás 21:33

Wikipedia en inglés: artigo “Booktube”. Data de consulta: 20180212 ás 21:31

3 COMENTARIOS

DEIXAR UNHA RESPOSTA