Diario de Entroido

O diario persoal é un escrito que recolle o que fai, pensa e/ou sente unha persoa día a día.

Este tipo de textos, en ocasións, téñense convertido en documentos fundamentais para comprender determinados feitos históricos.

Dende a Antigüidade as persoas precisamos levar ao papel o que nos acontece e esas anotacións permítennos en moitas ocasións coñecer a historia das épocas que nos precederon. Así, grazas a Antonio Pigafetta podemos coñecer o que aconteceu na primeira viaxe ao redor do mundo comandada por Fernão de Magalhães, que morrera na viaxe.

Capa do Diario de Ana Frank en galego na editorial Kalandraka.

 

 

Ao longo da II Guerra Mundial moitos foron os nenos que reflectiron en diarios as súas vivencias do conflito bélico, sen dúbida o máis relevante destes textos é o Diario de Ana Frank grazas ao cal podemos coñecer con detalle como foi a ocupación nazi en Ámsterdam.

 

 

 

 

 

Son tamén famosos os diarios dalgunhas escritoras e escritores como Anaïs Nin (quen escribiu o seu diario dende os 11 anos e ata a súa morte aos 74), Lewis Carroll (comezou o seu diario aos 21 anos e escribiuno durante 44), Virginia Woolf, Truman Capote ou Frank Kafka.

 

 

 

Páxinas do diario de Marilyn Monroe.

Ultimamente tamén saen á luz diarios de persoeiros importantes ou das artes como o do Che Guevara, o da actriz Marilyn Monroe (o seu famoso Diario Vermello disque contiña segredos de Estado) ou o dalgúns ex presidentes norteamericanos.

 

 

 

 

Algunhas xefaturas de Estado tamén teñen por costume recoller nun diario as súas vivencias, o caso máis coñecido nesta categoría é o da raíña Vitoria do Reino Unido que o comezou aos 13 anos e o escribiu durante 68 anos, a actual monarca continúa esta tradición.

 

 

Os diarios son documentos moi importantes polo que nos contan dos demais e da época en que viviron pero tamén son unha fonte de coñecemento persoal extraordinaria. Segundo a Psicoloxía, levar un diario axuda a manter as lembranzas vivas, proporciónanos unha visión diferente da nosa propia vida porque o feito de transformar as palabras en vivencias nos obriga a conceptualizar e racionalizar os nosos actos, pensamentos e sentimentos e tamén como percibimos os dos demais de xeito que isto nos axuda tamén a tomar novas decisións. Entre outras bondades, escribir un diario axuda a curar feridas emocionais, reduce o estrés, mellora a nosa autoestima, motívanos nos nosos retos persoais e colabora a manter a nosa saúde mental.

Asemade o diario é un magnífico exercicio lingüístico xa que nos obriga a buscar as palabras que mellor se adaptan á descrición da realidade que desexamos realizar e tamén nos obriga a reflexionar e organizar os pensamentos.

Tarefa

Nesta ocasión vas ser ti quen rexistre como vive o Entroido a rapazada da Pobra do Caramiñal.

Escribirás o teu diario de Entroido cun mínimo de tres días dedicándolle dúas páxinas de texto a cada un deles, pensa que se trata dun texto realista e non de ficción.

No seguinte vídeos explícaseche toda a información necesaria.


Criterios de corrección

  • ADECUACIÓN, terase en conta que se resolva a actividade en termos xerais, que se cumpra coa extensión requirida e se traten os puntos esixidos na tarefa cunha información adecuada. Valorarase que o formato textual e o rexistro sexan os adecuados. Tamén se valorará neste apartado a adecuación en canto á presentación e a súa calidade plástica.
  • COHESIÓN e COHERENCIA, valórase que se presente a información organizada, que se faga un uso correcto e variado dos conectores (nexos) e que se usen de xeito correcto os signos de puntuación.
  • GRAMÁTICA, que non haxa erros morfolóxicos, sintácticos ou ortográficos.
  • LÉXICO, aténdese aquí á variedade e riqueza léxica, á precisión e amplitude do vocabulario empregado con utilización de sinónimos e sen repeticións innecesarias. Para mellorares o teu léxico do Entroido podes consultar a etiqueta Entroido no Portal das Palabras.

Prazo de entrega

Ata o 19/02/2018 incluído. O alumnado de 1B e 1C entregarao na aula de Lingua e o de 1D na hora de Titoría.

*A idea orixinal desta tarefa partiu da miña compañeira a profesora Matilde Pardiñas.

SEN COMENTARIOS

DEIXAR UNHA RESPOSTA