Con oficio

Un fermoso Cabalo de Troia

PILAR PONTE

Non se pode negar que se agardaba cunha certa expectación o último traballo de Manuel Esteban. Disque é na segunda obra cando un autor premiado se consolida definitivamente na escrita e demostra que a súa arte non foi froito do azar. Se isto é así, o vigués goza xa desta condición coa construción d’O meu nome é Ninguén, unha novela que nos engancha e non nos deixa impasibles.

O médico-docente-escritor segue a liña encetada na súa primeira obra, A ira dos mansos (Premio Xerais 2016), de crear unha novela negra de fonda reivindicación social onde o lúdico do xénero sexa unha especie de cabalo de Troia que nos fai esquecer o exército de crítica social que se agacha no seu interior. Se daquela unía ao xénero a reinvindicación da Nación Down, nesta ocasión vai poñer o dedo da denuncia nos casos de pederastia vinculados á xerarquía da igrexa católica. O texto arrinca cun texto moi potente de apenas dúas páxinas que nos pon en antecedentes sobre a liña temática da pederastia, uns cantos parágrafos que son como un lategazo que nos revolven por dentro pero xusto a continuación nos desvía levándonos a un hostal onde aparecen mortos o irmán do protagonista e a súa moza.

E na trama policial, evidentemente o protagonista é un inspector de policía que despois levar dúas décadas exercendo devala pola vida sosténdose a base de cafés e ibuprofenos nun Vigo que lonxe de acollelo funciona como marco de presión, unha cidade que percorre unha e outra vez na procura dos outros mais tamén na fuxida dun mesmo. Trátase dun ser desarraigado da súa familia, que non se fala co irmán e apenas o fai co pai (aínda que por teléfono) mais que si entra en sintonía coas marxes sociais: “prefería relacionarme con calquera dos meus clientes habituais: drogadictos, ladróns, asasinos. O vertedoiro moral da sociedade. Xente moito máis franca e directa, que non me facían sentir tan miserento.” E isto é o que o vai converter no noso particular heroe que atopa o seu lugar na cidade poboada por un conxunto de seres aos que a sorte esquivou na vida, persoas que non están singularizadas senón que poderían ser calquera outras porque o seu nome non importa, son ninguéns perdidos nunha partida de pócker vital onde as cartas xa estaban repartidas.

Seguimos os pasos de Manso a través das páxinas ávidos de información, ás veces mesmo parece que queremos adiantalo porque a intriga pode connosco e así o arresto real do protagonista vai supoñer para nós tamén un arresto intelectual e queremos saber e corremos tanto que nos equivocamos porque o autor xoga con nós, dá nunha volta de folla o xiro de trama que precisamos para acabar pensando, pero que ben o fas, como me enganaches!

Demostra o escritor moito oficio na construción do texto, nesa estrutura en flashback de ollada microscópica onde se nos dá conta de todo polo miúdo minuto a minuto, segundo a segundo. Esta fragmentación cronolóxica aumenta o ritmo e achéganos ao guión cinematográfico, imposible non imaxinar o detective percorrendo as rúas de Vigo a toda velocidade no seu Citroën negro.

Traxectorias literarias como a que está a deseñar este autor veñen demostrar unha vez máis a enorme importancia dos premios literarios, neste caso do Premio Xerais, na constitución dun corpus de autores que sosteña o noso sistema literario.

Agardamos agora que Manuel Esteban nos constrúa outro cabalo de Troia porque os que estamos deste lado da escrita, queremos saber máis de Carlos Manso!

ESTEBAN, Manuel: O meu nome é Ninguén. Edicións Xerais. Colec. Literaria nº 371. Vigo. 2018. 296 páxinas.

*Este texto publicouse o xoves 1 de novembro de 2018 nas páxinas do suplemento cultural Faro da Cultura do xornal Faro de Vigo.

SEN COMENTARIOS

DEIXAR UNHA RESPOSTA