Proxecto audiovisual producido e realizado por Astarot . Baseado e Ambientado no poema “Negro Caravel” de Rosalía de Castro, incluído na súa obra “Cantares Gallegos” .Rexistrado e editado íntegramente na Comarca do Morrazo no verán de 2021 .
Quíxente tanto, meniña
«Quíxente tanto, meniña,
tívenche tan grande amor,
que para min eras lúa,
branca aurora e craro sol;
augua limpa en fresca fonte,
rosa do xardín de Dios,
alentiño do meu peito,
vida do meu corazón».
Así che falín un día
camiñiño de San Lois,
todo oprimido de angustia,
todo ardente de pasión,
mentras que ti me escoitabas
depinicando unha frol,
porque eu non vise os teus ollos
que refrexaban traiciós.
Dempois que si me dixeches,
en proba de teu amor
décheme un caraveliño
que gardín no corazón.
¡Negro caravel maldito,
que me fireu de dolor!
Mais a pasar polo río,
¡o caravel afondou!…
Tan bo camiño ti leves
como o caravel levou.
Castro, Rosalía de (1863), Cantares gallegos.
- Podes ver un comentario literario desta composición na páxina ogalego.eu realizado en colaboración coa profesora María Xesús Fernández Lopo.
- O escritor Antonio Manuel Fraga ofrécenos unha interpretación ben diferente desta composición.
Outras interpretacións musicais en vídeo: