En poucas palabras

PILAR PONTE

Galaxia arrancaba o Ano Casares (2017) coa intención de poñer en valor toda a obra do autor e vaino rematar coa publicación de dous volumes na Biblioteca Carlos Casares que chega deste xeito aos vinte e cinco títulos, un esforzo editorial nada desprezable se temos en conta que fóra desta colección tamén ven a luz outras das súas páxinas. Falaremos aquí do primeiro deles, O suicidio de Jonas Björklund e outras historias.

O ourensán ten declarado que é o relato breve o xénero literario onde máis cómodo se atopa como creador e vai gozar do beneplácito do público como testemuñan as numerosas edicións e traducións das súas coleccións de relatos Vento ferido (1967) e Os escuros soños de Clío (1979). Neste terceiro volume preséntasenos un conxunto de relatos de difícil acceso publicados nun longo período dende 1965 ata 2001 que vai abranguer toda a súa etapa de produción literaria. Son vinte e nove relatos, sete dos cales están escritos en castelán principalmente por correspondérense con peticións de colaboracións en libros colectivos.

Como ben sinala no prólogo o encargado da edición do volume, Xosé Manuel Soutullo, nestes textos dispersos poderemos atopar as liñas centrais do estilo do autor así como os temas que foron protagonizando a súa escrita ao longo dos anos:

A violencia presente en don Teolindo, o despiadado mestre de “O lagarto de pedra” que obriga á humillación dun amigo sobre outro.

A parodia protagoniza “El cumpleaños feliz de Ricardo Romero” o fillo rico que vive na ilusión da harmonía do luxo. O recurso dará logo en sátira histórica en “Tres historias eruditas para celebrar un Nadal” e en “De como en 1348 o viño do Ribeiro…”. A ironía toma o mando en “O suicidio de Jonas Björklund”, o economista que pretende emular a Hemingway.

Atopamos a súa habilidade para debuxar tipos sociais, neste caso da universidade, en “Seis retratos”, recurso que logra a máxima concisión no último deles que consta só dun parágrafo e que se converte en mestría descritiva en “El caballo”.

“Un polbo xigante” achéganos ao realismo máxico a través de Delfina, a criada dos pais do protagonista, que a través dos seus comentarios arrastra o pensamento do rapaz ata non discernir o que os comentarios dela provocan na súa fantasía dos acontecementos reais que tiveron lugar no pasado.

O humor en “Recordo de Manolo Estremera, fiscal de paz” ou “Qué viejo estás y qué gordo” e o gusto polas situacións absurdas e surrelistas de “O galo de Antioquía” e “O día que Dona Ramonita puxo un ovo” completan ese repaso por constantes do autor.

Este volume convídanos a reencontrarnos despois de tantos anos coa esencia da traxectoria do Carlos Casares escritor de relatos.

CASARES, Carlos: O suicidio de Jonas Björklund e outras historias. Editorial Galaxia. Vigo. 2017. 150 páxinas.

*Este texto publicouse o xoves 8 de febreiro de 2018 nas páxinas do suplemento cultural Faro da Cultura do xornal Faro de Vigo.

SEN COMENTARIOS

DEIXAR UNHA RESPOSTA