O diario persoal

O diario persoal é un escrito que recolle o que fai, pensa e/ou sente unha persoa día a día.

Este tipo de textos, en ocasións, téñense convertido en documentos fundamentais para comprender determinados feitos históricos.

Dende a Antigüidade as persoas precisamos levar ao papel o que nos acontece e esas anotacións permítennos en moitas ocasións coñecer a historia das épocas que nos precederon. Así, grazas a Antonio Pigafetta podemos coñecer o que aconteceu na primeira viaxe ao redor do mundo comandada por Fernão de Magalhães, que morrera na viaxe.

Capa do Diario de Ana Frank en galego na editorial Kalandraka.

Ao longo da II Guerra Mundial moitos foron os nenos que reflectiron en diarios as súas vivencias do conflito bélico, sen dúbida o máis relevante destes textos é o Diario de Ana Frank grazas ao cal podemos coñecer con detalle como foi a ocupación nazi en Ámsterdam.

Son tamén famosos os diarios dalgunhas escritoras e escritores como Anaïs Nin (quen escribiu o seu diario dende os 11 anos e ata a súa morte aos 74), Lewis Carroll (comezou o seu diario aos 21 anos e escribiuno durante 44), Virginia WoolfTruman Capote ou Frank Kafka.

Páxinas do diario de Marilyn Monroe.

Ultimamente tamén saen á luz diarios de persoeiros importantes ou das artes como o do Che Guevara, o da actriz Marilyn Monroe (o seu famoso Diario Vermello disque contiña segredos de Estado) ou o dalgúns ex presidentes norteamericanos.

Algunhas xefaturas de Estado tamén teñen por costume recoller nun diario as súas vivencias, o caso máis coñecido nesta categoría é o da raíña Vitoria do Reino Unido que o comezou aos 13 anos e o escribiu durante 68 anos, a actual monarca continúa esta tradición.

Os diarios son documentos moi importantes polo que nos contan dos demais e da época en que viviron pero tamén son unha fonte de coñecemento persoal extraordinaria. Segundo a Psicoloxía, levar un diario axuda a manter as lembranzas vivas, proporciónanos unha visión diferente da nosa propia vida porque o feito de transformar as palabras en vivencias nos obriga a conceptualizar e racionalizar os nosos actos, pensamentos e sentimentos e tamén como percibimos os dos demais de xeito que isto nos axuda tamén a tomar novas decisións. Entre outras bondades, escribir un diario axuda a curar feridas emocionais, reduce o estrés, mellora a nosa autoestima, motívanos nos nosos retos persoais e colabora a manter a nosa saúde mental.

Asemade o diario é un magnífico exercicio lingüístico xa que nos obriga a buscar as palabras que mellor se adaptan á descrición da realidade que desexamos realizar e tamén nos obriga a reflexionar e organizar os pensamentos.

A tarefa: requisitos

– Hai que facelo nun procesador de textos.

– É obrigatorio pasarlle o corrector.

– É obrigatorio comprobar no dicionario Portal das Palabras o léxico que empregues.

– Non se pode contar sempre o mesmo, non é unha axenda!

– Debes ter en conta que nun diario as persoas non anotan só as cousas que lles pasan, senón tamén as cousas que pensan, as cousas que lles gustarían que lles pasasen, etc.

– Esta tarefa pode converterse nun pracer, o de escribir libremente o que un queira. Non hai obriga de ter un determinado enfoque, cada persoa pode crear un diario real ou inventado coas únicas condicións de que sexa escrito por alguén do mesmo sexo e idade ca ti, que non sexa fantástico e que teña todos os días unha entrega que ao longo dos días ten que ter unha media de extensión non inferior a 1.000 caracteres ao día.

A tarefa: forma de entrega

Tes que enviar a túa tarefa dende o teu correo electrónico iespobra.com a pilarponte@iespobra.com e no asunto sinalar:

Na primeira entrega – Identificación LT1 Diario 1/2

Na segunda entrega – Identificación LT1 Diario 2/2

A tarefa: prazo de entrega

…Tedes que realizar un diario deste período de confinamento. Hai 2 prazos de entrega:

1.º Prazo de entrega: Ata o domingo 5 de abril, tes que realizar un resumo da túa 1.ª semana de confinamento na casa e o diario correspondente ao mércores, xoves, venres e sábado.

2.º Prazo de entrega: Ata o 14 de abril, tes que realizar o resumo da túa 2.ª semana de confinamento na casa e o diario correspondente aos días domingo 5 a domingo 12 de abril.

ÁNIMO!

SEN COMENTARIOS

DEIXAR UNHA RESPOSTA