Viña de mal xenio. Nin sequera quixo que as fillas lle botasen unha man. […] El só, á luz do farol, comenzou a desfaguer o carro no curral, gardando e despachando a xugada. O vento do sur chamara toda a tarde pola auga, que coa noite caía caroal, estrondando nas tellas, ruxindo nas canles, pingando axiña no fío dos treitos, mesturada e rempuxada con grandes golpes de aire.
O vello vasoirou con moito tino o chan de sábrego da leñeira, puxo baixo os feixes de leña un vulto longo, todo empanicado en sacos vellos, que viña no fondo do carro, e foi para a bodega. A luz tremáballe un pouco na man e non atinaba coa billa da pipa. Ao pé do fogar demorouse máis de tres horas, coa vista fixa nos brazos, volvendo ás veces a testa para mirar tras si, bebendo adispacio, esculcando co ouvido o crededeiro ruxir da auga, os golpes do vento, o miúdo traballar dalgún rato na leña. De súpeto, decidiuse. Matou a luz do candil, atizou o lume cun mangado de achas e, tomando ao lombo o grande fardo, botouse destemido á noite e á chuvia. Dunha carreira polos lameiros cheos de auga, atallando dereito, chegou sen folgo ao pé do muro do adral. Puxo a carga sobre as capias e, a zorro como unha cabra, procurou, atoutiñando, unha tampa ben coñecida. Na escuridade, batido polo vento e a chuvia, a penas albeaba algún mármore de panteón. Cando ergueu con forzas de mozo a pedra da sepultura, tivo un instante de medo ao sentir o bater da chuvia no oco franqueado, en táboas de cadaleito, en carne apodrecida. Tivo medo. Medo de morrer e que o atopasen alí. Remexendo nas táboas, arrincou o morto, algo mol e rexo a un tempo, unha testa que lle fuxía, unhas pernas estarricadas, un fedor que xeaba o sangue. Desempanicou o outro morto das teas de saco e, de calquera xeito, instalouno na cova entre as táboas do cadaleito. Eran casemente do mesmo corpo. Deixou caer a tampa, envolveu o corpo desencovado nos mesmos anacos de saco e, abrazado a el, fuxiu coma un tolo, como levado polo demo, sentindo tras de sí un galopar de facos da morte, ouvear de cans, mans de defunto que lle agarraban as pernas. Sen saber como cruzou os lameiros e os regatos nin como choutara as muradellas, atopouse no curro, e só tivo alento para entrar na leñeira e meter o morto na foxa aberta. O lume morría na bodega. O vello trasfegou medio neto de augardente e de seguida, coma un tolo, pechou a foxa co sábrego, trepando enriba cun furor de demo, calcando con pedras, con terra mollada do curro, con medo, como se a foxa se non enchera nunca. Logo, xa máis sereno, puxo enriba a leña. E bebeu, bebeu, deica sentirse chispo e botar gargalladas e andar collido ás pipas e queimarse no lume, mais aínda tivo sentido para se decatar de que a chuvia seguía medrando e que o adral debía estar asolagado e que as pisadas nos lameiros e no camiño desapareceran na lama e no trollo. Sobre da mañá, as fillas viñeron a procuralo. Estaba medio morto de viño e tremando de mollado. Mais en canto viu a luz do día foi outro home.

‘Medicina legal’

CUESTIÓNS

1. Localiza o fragmento no conxunto do conto.

2. Cal é o tipo de narrador que aparece no fragmento? Xustifícao con palabras do texto.

3. Describe a evolución psicolóxica do protagonista no texto.

4. Explica o papel do viño no fragmento.

5. Cales son os campos sémicos predominantes? Por que elementos está constituído cada un deles?

6. Analiza os elementos auditivos e explica como contribúen a aumentar a tensión narrativa.

7. Analiza en Medicina legal como as personaxes femininas reflicten o cambio social que se está a dar.

8. Analiza o comportamento do narrador en Medicina legal, préstalle especial atención á aparición do estilo indirecto libre e explica a súa funcionalidade no conto.

9. En Medicina legal alúdese a unha obra literaria no seguinte fragmento, “Perdeuse na noite estrelecida e fría o trepar da besta.”, localízaa e indica o seu autor e data de publicación.

10. Este conto céntrase nun crime rural do que o asasino queda impune. Que outro conto do libro trata o mesmo tema? Explica as semellanzas e diferenzas entre ambas narracións.

SEN COMENTARIOS

DEIXAR UNHA RESPOSTA