—Eu sei a historia dese neno.
Pronunciou a palabra neno dun xeito moi particular. Así foi que os catro bebedores de augardente, os cinco de albariño e o taberneiro calaron e escoitaron con xesto inquiridor e atento.
—Eu xa sei a historia dese neno– repetiu o vagamundo. E, tras duna solerte e ben medida pausa, encomenzou:
—Alá polo mil oitocentos trinta, unha beata que despois morreu de medo, viu saír do camposanto florido e recedente da súa aldea a un vello moi vello en coiro. Aquel vello era un recén nacido. Antes de saír do ventre da terra nai escollera el mesmo ese xeito de nacencia. “¡Canto mellor ir de vello para mozo que de mozo para vello!”, pensou sendo espíritu puro. A Noso Señor chocoulle a idea. ¿Por qué non face-la proba? Así foi que, co seu consentimento, formouse no seo da terra un esqueleto. E despois, con carne de verme, fíxose a carne do home. E na carne do home aformigou a caloriña do sangue. E como todo estaba listo, a terra-nai pariu. Pariu un vello en coiro.
De cómo despois o vello topou roupa e mantenza é cousa de moita risa. Chegou ás portas da cidade e como aínda non sabía falar, os ministros, despois de lle botaren unha capa enriba, levárono a diante do xuíz coma se tivesen sido testemuñas:
—Aquí lle traemos a este pobre vello que perdeu a fala coa tunda que lle deron uns ladróns mal entrañados. Nin roupa lle deixaron.
O xuíz deu ordes e o vello foi levado a un hospital. Cando saíu, xa ben vestido e mantido, dicíanlle as monxiñas: “Vai feito un mozo. Ata parece que perdeu anos”.
Daquela xa aprendera a falar algo e fíxose esmoleiro. Así andou moitas terras. Alá en Lourdes estivo dúas veces, da segunda tan amozado que, os que o coñeceran da primeira, coidaron que fora miragre da Virxe.
Cando adquiriu experiencia de abondo pensou que o mellor era manter secreta aquela extraña condición que o facía máis mozo cantos máis anos corresen. Así, non o sabendo ninguén —non sendo un ou dous amigos fieis— podería vivir mellor a súa verdadeira vida.
Traballou de vello e fíxose rico para folgar de mozo. Dos cincuenta ós quince anos a súa vida foi a máis feliz que se pode imaxinar. Cada día gustaba máis ás mozas e andou enliado con moitas e coas máis bonitas. E ata disque unha princesa… Pero diso non estou certo.
Cando chegou a neno encomenzou a vida a se lle ensarillar. Dáballe medo a sorpresa con que o vían entrar tan ceibe nas tendas a mercar lambetadas e xoguetes. Algún rateiro de viseira calada teno seguido ó longo de moitas rúas tortas. E algunha vez ten comido as súas lambetadas a tremer de anguria, coas bágoas nos ollos e o almibre nos beizos. A derradeira vez que o topei —tiña el oito anos— andaba moi triste. ¡Pesaban, ademais, tanto no seu espírito de neno os recordos da súa vellice!
Logo encomenzou a lle escarabellar día e noite unha obsesión tremenda. Cando pasasen algúns anos recolleríano en calquera calexa extraviada. Quizais algunha señora rica e sen fillos. Despois… ¡Quen sabe o que pasaría despois! A lactancia, os paseos nun carriño, cunha sonalla de axóuxeres na manciña tenra. E ó remate… ¡Ou! O remate poñía espanto. Cumpri-lo seu sino de home que vive ó revés e refuxiarse no seo da señora rica —poida que cando ela durmise— para ir alí devecendo ata se trocar primeiro nunha sambesuga e despois en arumia e logo en pequenísima semente…
O vagamundo ergueuse moi pensabundo, coas mans nos petos, e deu algúns paseíños todo amargurado. Ó cabo dixo:
—Explícome, si, explícome que se chimpase un tiro na sen o pobre rapaz.
Os catro bebedores de augardente, crían. Os cinco de albariño, sorrían e dubidaban. O taberneiro negaba. Cando todos desortían máis enfervoadamente, o taberneiro ergueuse de súpeto nas puntas dos pés e púxose a mirar todo arredor cos ollos moi abertos. O vagamundo desaparecera sen pagar.
Recompilade unha listaxe de títulos de filmes onde iso aconteza e explicade cal foi o recurso utilizado para a alteración da orde temporal lóxica.