Ler para aprender e ensinar

PILAR PONTE

Feminismos e literatura infantil e xuvenil en Galicia de Montse Pena Presas é, ademais dunha lectura para todos os públicos, unha obra para aprender e ensinar. Podemos cualificar o volume como un ensaio fundamental que debería ser de obrigada lectura para todo o profesorado de lingua e literatura, sexa esta a que for, e para todas as persoas integrantes dos equipos das bibliotecas. Neste sentido, resultará de especial interese para aquelas que desempeñan o seu labor nas bibliotecas escolares porque nos fai conscientes das implicacións que as nosas escollas nas seleccións de lecturas recomendadas van ter no desenvolvemento educativo da sociedade.

Este volume recolle a parte referente ao corpus galego da tese de doutoramento da autora, dirixida por Dolores Vilavedra e Bieito Silva, na que tamén estudaba os ámbitos lingüísticos hispánico e anglófono.

Os tres obxectivos que a sadense sinala para o seu traballo son: establecer un corpus teórico que permita pór de manifesto a vinculación entre o feminismo e os estudos de LIX no contexto galego; visibilizar o papel que os grupos feministas e de mestras tiveron na procura dunha educación igualitaria a través da análise de manuais escolares e contos; e, por último, analizar os textos literarios infantoxuvenís do ámbito galego e ver en que medida estes se viron influenciados polo movemento feminista.

A obra artellouse en dúas partes. A primeira, “Movemento feminista, coeducación e crítica de literatura infantil en Galicia”, achégase ás conexións entre literatura infantil, movemento feminista e educación. Nela, ademais de nos fornecer dun coñecemento específico no corpus teórico, realízase tamén un tributo a xeracións de ensinantes que traballaron pola coeducación e a igualdade.

A segunda parte do volume, “O impacto dos feminismos na literatura infantil galega” analiza a influencia do feminismo na LIX a través dos textos. Resulta moi interesante a clasificación da nosa literatura infantil e xuvenil en catro etapas atendendo a como o feminismo e os valores da igualdade se foron manifestando nos textos literarios: a etapa inicial (1927-1980) coa publicación de obras illadas cunha concepción androcéntrica do mundo que amosa unha visión da sociedade puramente tradicional; a etapa militante (1981-1989) na que comeza a se desenvolver o campo literario infantoxuvenil; a etapa de xeneralización de modelos de protagonistas nenas e mulleres (1990-2005) capitaneada por Agustín Fernández Paz e Marilar Aleixandre; e, finalmente, a etapa actual (2006-hoxe) onde se produce a confluencia dos feminismos con outras subxectividades nas marxes. O tempo de repensar a masculinidade e as personaxes lesbianas e gays.

Finalmente a autora tamén sinala unha boa listaxe de vías de traballo de interese para realizar no futuro, entre elas podemos salientar a elaboración de propostas didácticas específicas para diferentes niveis educativos que partan de obras coeducativas para promover a igualdade entre os sexos relacionando distintas áreas de coñecemento e a realización de estudos sobre a recepción das obras coeducativas, en diferentes niveis do ensino, que permitan comprobar se efectivamente estas resultan eficaces á hora de lles trasladar valores igualitarios ás mozas e nenos.

Como nos indica a propia estudosa, o volume é un convite a ler e a axudar a ler criticamente, achegando estratexias concretas. E, máis aló da formación para lectores especializados, un valor fundamental deste libro é o paseo para todos os públicos que nos ofrece obras fundamentais da literatura infantil e xuvenil galega. Monste Pena achégase aos textos na medida xusta para tentarnos coa lectura dos diferentes títulos que para uns será unha estrea e para outros suporá un reencontro con textos que permanecían no noso imaxinario.

PENA PRESAS, Montse: Feminismos e literatura infantil e xuvenil en Galicia. Edicións Laiovento. Colec. Ensaio nº 360. A Coruña. 2018. 172 páxinas.

*Este texto publicouse o xoves 13 de setembro de 2018 nas páxinas do suplemento cultural Faro da Cultura do xornal Faro de Vigo.

SEN COMENTARIOS

DEIXAR UNHA RESPOSTA