“TRIBO”, manda, comunidade… a rede de coidados que nos sustenta no noso día a día.
Esta canción é o primeiro adianto do novo disco de A banda da loba, “Xabón Lagarta”, inspirado no universo vital das lavandeiras e neses espazos de liberdade, confidencias e insubmisión que eran os lavadoiros.
O pasado e o presente. As experiencias e as conquistas herdadas. O berro confiado porque antes outras berraron por nós. A busca do noso lugar nesta gran espiral que é a vida.
Como? Apoiándonos na nosa manda!
Aquí estou para ti.
Aquí estás para min.
Somos tribo, somos manda,
bandoleiras do país!
LETRA DA CANCIÓN:
Recoller porta por porta as memorias.
Contar os éxitos, contar fracasos.
Levalos ata a beira, sorrir ás compañeiras,
cada unha ten un inventario.
Disolver remorsos, lavar as culpas.
Aclarar para sempre as vellas dúbidas.
Torcer e retorcer, os medos outra vez,
tender ao sol complexos e ataduras.
Aquí estou para ti.
Aquí estás para min.
Somos tribo, somos manda,
bandoleiras do país!
Molladas con auga e xabón,
clarean as penas ao sol.
E calan as tristuras, e soan alegrías,
entoan este himno que di:
Aquí estou para ti.
Aquí estás para min.
Somos tribo, somos manda,
bandoleiras do país!