Os relatos publicados no volume O fidalgo e outros relatos non forman unha unidade desde o punto de vista editorial. En efecto, o volume é unha escolma de oito mostras da narrativa breve de Otero Pedrayo, separadas no tempo por un longo período de vinte e cinco anos. Os catro primeiros (“O fidalgo”, “A criada”, “Dona Xohana e don Guindo” e “Medicina legal”) viron a luz no ano 1932 (Contos do camiño e da rúa, Santiago de Compostela, Nós).

Os catro restantes (“A revolta de Casdenón”, “Co luar escornado do San Martiño”, “O estraperlista dos coiros” e “O torques”) proceden dunha colectánea publicada en 1957 que recollía un conxunto de vinte narracións breves que Otero escribiu en datas imprecisas. Sen embargo, a súa edición formando parte dun mesmo volume é pertinente e oportuna xa que pertencen ao mesmo ciclo narrativo de Otero: unha narrativa realista na que non soamente imos atopar a épica de tema fidalgo, senón tamén unha cosmovisión do mundo galego, unha verdadeira antropoloxía galega, como xa tamén apuntara o primeiro comentarista da obra Contos do camiño e da rúa en 1932, diferenciando unha clara dicotomía entre a vida aldeá e a vida vilega, trazo que caracteriza non soamente a escrita de Otero Pedrayo, senón en xeral os escritos do denominado grupo Nós. Temos camiños e temos rúas –moitas veces entrecruzados e comunicados– non só nos relatos tirados do libro que leva esas palabras no título, senón tamén no que corresponde á escolma editada en 1957, Entre a vendimia e a castiñeira que tamén reincide, polo menos nalgúns momentos, na temática da fidalguía. Comunicación, xa que logo, entre a fidalguía e a clase campesiña.
Entre os seus moitos merecementos correspóndelle a Otero Pedrayo o de ser o principal creador dunha narrativa breve en lingua galega: unha prosa aberta ás influencias triunfantes alén das nosas fronteiras, acorde coas esixencias dos tempos, capaz de rachar cos trazos folclóricos e costumistas que aferrollaban desde o século XIX o emprego do noso idioma na prosa. Deste xeito, a narrativa breve oteriana ten unha importancia de primeira orde na historia do conto literario galego, porque supón unha ampliación temática e una modernización técnica. Mais esta prosa moderna que atopamos na súa narrativa, e en xeral na escrita dos membros do grupo Nós, non aparece de súpeto, como chovida do ceo, senón que, pola contra, vén precedida dun longo período de xénese na historia das nosas letras, en consonancia co desenvolvemento do subxénro na literatura universal.
Debemos, entón, situar a xénese do relato literario galego na segunda metade do século XIX co Rexurdimento. A súa consolidación e crecemento foron favorecidos pola plataforma defensora que atopamos en xornais e revistas que entón naceron coma os cogomelos.
Precisamente co abrollar das publicacións periódicas, o relato convértese nunha forma literaria máis aberta e accesible cá novela para a maioría dos lectores, pouco acostumados por outra banda a ler no noso idioma. O relato así mesmo, axustábase moito mellor cá novela ao espírito das tradicións galegas enxebristas plasmadas no conto popular. Foron xa sinaladas pola crítica as achegas que ao relato, e no fío de cambio de século, fixeron dous escritores ourensáns, Heráclito Pérez Placer e Francisco Álvarez de Nóvoa seguindo unha liña naturalista que toma como modelos a Emilia Pardo Bazán. Mais o naturalismo convértese nestes primeiros ensaios nun enxebrismo rudo e nun costumismo tópico e folclórico, aínda que, na nosa estima, non resulta lexítimo meter no mesmo saco valorativo a Pérez Placer e a Álvarez de Nóvoa, como veremos a continuación.
Os relatos de Pérez Placer apareceron en tres coleccións: Contos, leendas (sic) e tradiciós (1891), Contos da terriña (1895), Veira do lar (1901) e son o verdadeiro paradigma desta forma de relatar esteada no costumismo folclorizante. Mais xa con anterioridade, Lamas Carvajal ensaiara con Gallegada. Tradiciós, costumes, tipos e contos da terriña o ruralismo enxebrista que por entón era considerado o celme de nosa cultura. Fronte a eses modelos, o labor narrativo de Álvarez de Nóvoa e as súas consideracións críticas significan a primeira e máis importante contribución a unha prosa galega máis moderna. Obras súas como Pé das Burgas (1896) ou Beira o Barbaña. Paisaxes (1894, 1993) convértense nunha aposta por unha narrativa actualizada (urbana, burguesa e psicolóxica). Por iso Álvarez de Nóvoa pode ser considerado como o verdadeiro precursor das fórmulas renovadas que, anos máis, veremos realizada plenamente nos escritores das Irmandades da Fala. O mesmo Álvarez de Nóvoa nos “Dous parrafeos” que preceden a Pé das Burgas, rexeita o enxebrismo como criterio de galeguidade. A narrativa, vén a dicirnos, pode ser enteiramente enxebre sen que se teña que falar de esmorgas, lacoadas, vendimas, desfollas, espadelas, mallas ou muiñadas.
Sen embargo, cumprirá esperar ata o ano 1916, co xurdimento das Irmandades da Fala para que este proceso de creación e desenvolvemento da prosa galega moderna se consolide definitivamente. Este desexo de termos verdadeiros prosistas a carón de poetas e músicos figura no programa das Irmandades e foi exposto unha e outra vez a través do seu voceiro, A nosa Terra. Xorden, como consecuencia desta toma de conciencia, numerosas coleccións de relatos e novela curta e á vez créanse distintas canles para que esta prosa literaria, acorde cos tempos, poida chegar á man dos lectores. Son os suplementos de xornais e revistas como Alvorada, coleccións como Céltiga e sobre todo Lar, impulsada por Leandro Carré e Ánxel Casal.
O empuxe para a elaboración definitiva desta prosa galega moderna ata acadar a súa madurez é obra dos escritores do grupo Nós, que cultivaron asiduamente o relato literario. Son da paternidade de Vicente Risco os titulados Do caso que lle aconteceu ó doutor Alveiros (1919), O lobo da xente (1925) e A trabe de ouro e a trabe de alquitrán (1925), editados na colección Lar. Pola súa parte, Castelao publica a novela curta Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete (1922) e, como acontecerá con Retrincos (1934) e Cousas (1926–1929), inaugura unha forma narrativa moi persoal e orixinal, ao xeito de estampas nas que se combinan elementos narrativos, descritivos e líricos.
A poligrafía de Otero Pedrayo, a súa vastísima cultura, a súa fervenza creadora fai estaurar todos os xéneros. O relato, sen ser o que máis fama lle proporcionou, ten en Otero un cultivador asiduo e moi notable. Pantelas, home libre (1925), que descobre xa as temáticas que unha e outra vez se reiteran na súa narrativa, O purgatorio de Don Ramiro (1926), Escrito na néboa (1927) e o “novelo” Vidas non paralelas son relatos literarios aos que na actualidade catalogariamos con xustiza dentro da así chamada novela breve.
En 1932 aparece na Editorial Nós a súa primeira colección de relatos, Contos do camiño e da rúa, aínda que en realidade os dous primeiros viron a luz con anterioridade publicados na revista Nós, no ano 1931. Son sete textos titulados “O fidalgo”, “A sirena”, “A criada”, “O pazo das cinco chagas”, “Dona Xoana e Don Guindo”, “O pecado” e “Medicina legal”. A partir desta data, e especialmente nos anos de posguerra, Otero Pedrayo escribirá moreas de relatos. En 1957 a Editorial Galaxia fixo unha escolma dos mesmos publicando o volume Entre a vendima e a castiñeira. Unha selección tirada da colección de 1932 e da que apareceu vinte e cinco anos máis tarde, foi recollida no volume O fidalgo e outros relatos, en edición de Antón Palacio Sánchez, na colección literaria de Galaxia.
Recapitulando o que se leva dito e tratando de determinar e situar o significado dos relatos de Otero Pedrayo, coidamos que cómpre prestar atención sobre todo ás seguintes características:
1. Otero Pedrayo amósase como un cultivador habitual e dilixente da narrativa breve, cultivo no que deu probas inequívocas de controlar todos os seus recursos. En xeral pódese afirmar que o relato non lle quedou curto a súa creatividade explosiva, sabéndose adaptar habilmente á brevidade e condensación propias do subxénero.
2. No contexto da literatura do primeiro tercio do século XX, os Contos do camiño e da rúa contribuíron dunha forma decisiva, e posiblemente moito máis que calquera outro título, á renovación formal e á ampliación temática da narrativa breve galega, ata entón choída dentro das fronteiras ríxidas dunha escrita de indubidable sabor costumista e folclorizante.
3. Na cronoloxía bibliográfica do autor, os Contos do camiño e da rúa, colección á que pertencen, como xa quedou apuntado, catro dos relatos da presente edición, debemos situalos na fase creativa máis vigorosa de Otero Pedrayo. É neste período no que aparecen as súas grandes obras de ficción.
4. Otero Pedrayo sutura nos seus relatos dúas grandes influencias. En primeiro lugar, a propia tradición e temática galega que o escritor vive persoalmente –de xeito especial a función social do fidalgo e o antagonismo entre a vida da aldea e a da vila- e herda da arte de relatar historias breves tanto de raíz culta como de xinea popular. Pero á par do étnico e tradicional, Otero foi capaz de asumir o aire da narrativa romántica e da contística moderna europea. En efecto, os relatos de Otero Pedrayo absorben trazos das narracións fantásticas de Hoffmann e Allan Poe no tratamento de ambientes, na fondura das descricións, botando con frecuencia man de recursos de tipo impresionista e técnicas cinematográficas nos enfoques que posibilitan a creación da atmosfera propia dos escenarios de cadansúa historia. En definitiva, nos relatos de Otero atopamos todo os elementos renovadores fronte ao costumismo.
5. A narrativa breve de Otero Pedrayo debuxa unha Galicia ateigada de orixinalidade e de riqueza de matices e aspectos. Ningún outro escritor galego do seu tempo acometeu con tal luxo de perspectivas a tarefa de escribir literariamente o ser natural e cultural do país.
6. Polo que se refire á lingua, e aínda que a forma é importante para o autor de Trasalba, debemos recoñecer que na súa prosa non achamos o labor dun ourive atento e coidadoso nin o dun estilista clásico, senón unha grande espontaneidade descoidada, caracterizada ademais por un verdadeiro ballón de imaxes que lle dá a moitas das súas páxinas un aire barroco.
7. Por todo isto é necesario recoñecer que con Otero Pedrayo, e máis en concreto con varios dos relatos incluídos en O fidalgo e outros relatos, aparece unha nova forma de contar e a narrativa breve galega acada a súa maioría de idade.

SEN COMENTARIOS

DEIXAR UNHA RESPOSTA

*