Cartel O Fidalgo

1855. No salón etiqueteiro da rúa Nova algunhas donas agardan impacientes. O coro das señoras maiores tamén agarda. Mais don Xohán non aparece. Pola porta só entran señoritas coñecidas. As de sempre. Noutro sarao, a elegancia montesía de don Xohán deixou sementadas flores de esperanza polo xardín das vidas femininas. Don Xohán, deica a mañá, deita onzas e onzas na mesa de xogo. Ouros borbónicos, do tempo das Indias, ouros constitucionais, ouros de cuño estraño. Dous séculos de historia española pódense ilustrar coas redondas pezas de ouro. O seu reflexo fai medrar o afiado dos perfís, sensibiliza as mans pálidas, afonda as meixelas, atiza a lapa dos ollos. Só don Xohán fica impasible, sereno, ledo coma un cazador no monte. Leva trasfegadas moitas xerras de viño, pois el despreza os licores finos e as bebidas da cidade. Os parasitos extreman a súa admiración. Don Xohán, gardando unha superioridade sen decatarse delo, vai botando na mesa, en onzas como soles, centos de tegas de centeo, parellas de bois ornato dos feirais e pasmo dos labregos, sementeiras, nabeira, toradas de vello carballo, dos que rexistran como arquivos nos fermosos circos do seu tronco o maino e seguro decorrer das sazóns, moios de viño, dereitos de señorío. De súpeto, un home forte, valente, de Sar, pousa a farpa na morea das onzas e pasea a amenaza dun pistolón sobre os peitos dos xogantíns. Sangue callado nos corpos. O home ten historial de mortes, é seguro como unha navallada xitana, a súa historia anda nos carteis dos cegos. Desprezou ao señorito: el só estima os homes do oficio. Limpamente, don Xohán agárrao polo pescozo, aparta o pistolón e o tiro ridículo vaise cravar nunha viga do teito. De seguida a media ducia de labazadas de ritual. O valente está no chan e ten olladas de súplica. Moitos pensan acudir á xustiza. Única ocasión para collelo! Hai berros:
-Á cadea, á forca!
O brazo de don Xohán debuxa un grande ademán amparador:
-Non se toque un pelo do home derrubado, está baixo o meu poder.
Logo dille:
-Anda, serás meu criado. Boa paga e farra. Mais, honradeza, e coidadiño con roubar un “chavo” nin levar unha faca. Se non, xa sabes quen é don Xohán.
O fidalgo ten lenda en Sant-Iago. Vive cos estudantes. Polo día, moi gomoso, pasea polos arcos, dá o brazo ás vellas misias moi sabedoras de elegancias, que lle gaban o tipo e o morgado e lle falan de xenealoxías, rubindo as escaleiras das Praterías. Ten mesa farta, bodega franca, bolsa aberta. Polos atallos da serra, recuas de mulas pórtanlle en pelellos os seus viños mellores de Avia. No baixo da casa organízanse as farradas e as tunas, as xoguetas e as falcatrúas contra o sosegado comercio da cidade. O mesmo lle afunde a chistera a un vello canonista que volta da novena ou dirixe a Van Espen nos soportais, que se senta na mesa dos títulos e desenvurulla as ponlas das árbores xenealóxicas. No piso da casa hai cuartos reservados: neles estarrícase, como unha cobra roxa ao quente da cheminea sobre as alfombras e peles de luxo, a criolla das Antillas, preguizosa e sensual, queimada por furiosas agardas que don Xohán amolece cun bico. Roubouna ao seu pai, vello tratante en carne humana en Cuba. A criolla ten todos os antollos; cando, comesta dos celos, destroza unha cristalería, ao día seguinte loce na cámara outra máis fermosa. Para ela hai criados que procuran nas vilas as cousas de máis prezo e traen polo aire as flores e os froitos mimosos de Portugal. Algún día o pai lle pasará a conta. Don Xohán lla pagará se non lle fende a testa dun tiro. El é así, e ninguén o discute.

O Fidalgo


CUESTIÓNS

1. Localiza o fragmento no conxunto do conto.
2. Cal é o tipo de narrador que aparece no fragmento? Realiza algún tipo de valoración sobre os feitos contados? Xustifica as túas respostas con palabras tiradas do texto.
3. Elabora unha tipoloxía das mulleres que aparecen no fragmento coa súa caracterización como grupo.
4. Cal é a localización espacial do texto? Compara este espazo co que se describe na escena de 1885.
5. No primeiro parágrafo observamos a presenza de tres enumeracións. Sinala cales son e explica a súa función en relación co resto do conto.
6. Os “ouros borbónicos, do tempo das Indias” e os “ouros constitucionais” a que dous momentos da historia de España fan referencia?
7. Cal é a significación última dos cartos no texto? Cal é o seu valor real? Desde que perspectiva están contemplados?
8. Neste fragmento asistimos á primeira presenza dos parasitos na historia da vida de don Xohán. Cando volven aparecer no texto? Que papel desempeñan no desenvolvemento da historia?
9. A historia da vida de don Xohán é fondamente galega mais, por que podemos dicir que tamén é universal. Elabora un texto no que analices o que ten de universal a personaxe deste fidalgo.
10. Elabora unha disertación escrita na que compares a figura de don Xohán co resto de fidalgos que aparecen ao longo do libro.

SEN COMENTARIOS

DEIXAR UNHA RESPOSTA

*