Este relato é a historia dos desencontros entre o señor Venerando e o seu cuñado, o señor Delmiro. Estes enfrontamentos que van desde o litixio por unhas cepas ata o abuso de poder por parte do señor Delmiro, que é alcalde, rematan nun crime rural no que o asasino queda impune. O señor Venerando envelena ao seu cuñado e pasados os anos, debido a unha investigación posterior vese obrigado a cambiar o corpo do morto no cadaleito por outro para que os investigadores non atopen pezoña ningunha. A historia remata coa vitoria do asasino que goza a satisfacción de se ter vingado das inxustizas cometidas contra el.
Podemos falar neste caso dunha estrutura clásica en tres partes: introdución, nó e desenlace.

  1. A primeira parte infórmanos dos diferentes abusos por parte do alcalde como desencadeantes da violencia.
  2. A segunda parte, verdadeiro cerne e clímax da historia, contén o asasinato, a posterior chegada do fillo do finado para investigar a morte de seu pai e o troco de corpos na noite para evitar que se descubra a verdade.
  3. E a terceira e última parte anticlimática sitúanos na vida posterior do protagonista, xa feliz por acadar ter feito xustiza.

SEN COMENTARIOS

DEIXAR UNHA RESPOSTA

*