Na análise lingüística da obra cómpre lembrar que non partimos do texto orixinal senón da edición realizada para Galaxia por Antón Palacio dirixida fundamentalmente, como el sinala, ao gran público e sobre todo a un lector novo e urbano.
Esta é a razón fundamental pola que non imos atopar as diferenzas existentes entre os diferentes contos, que ven a luz en dúas obras publicadas con vinte e cinco anos de distancia. E tampouco podemos apreciar a diferenza entre a lingua literaria dese momento e a actual. Debemos ter en conta que os autores do primeiro terzo do século XX se enfrontaban ao reto de crear unha lingua literaria nova por completo. Este novo código debía ser válido abondo como para servir de soporte aos xéneros prosísticos dunha nova literatura nacional. E non só o fixeron ben, senón que nos ofreceron ademais moitas das mellores páxinas da nosa tradición literaria e, algunhas delas, sen dúbida ningunha, pertencen a don Ramón Otero Pedrayo.
A continuación recollemos algunhas das principais características da lingua oteriana como exemplo de lingua literaria do grupo ao que pertence, a Xeración Nós, e que o editor ten regularizado:
1. Utilización do acento circunflexo para indicar a contracción da preposición co artigo (ô) e acentuación gráfica dos ditongos (sentíu) e de monosílabos non diacríticos (chán).
2. Emprego de dialectalismos (il, ista, eirexa, despoixa…).
3. Presenza de abundantes casos de alteración do vocalismo. Ben sexa por adición: con exemplos de prótese (asegún), epéntese (ademiraba), epéntese antihiática (aldeia) e paragoxe (folgare), ben sexa por supresión: con exemplos de aférese (nemigas), de síncope (vran) e apócope (escuridá). O vocalismo tamén é obxecto doutros fenómenos de alteración como as harmonizacións vocálicas (despidir), as disimilacións (aduviñei) e as metáteses (bulraba).
4. Emprego de apóstrofos nas contraccións das preposicións (d’un).
5. Utilización de castelanismos léxicos (dulce) ao carón de hiperenxebrismos de afán diferencialista (oficiña).
Por varias veces a lingua castelá xorde nestes contos con importante carga sociolingüística.
En O fidalgo a primeira aparición significativa da lingua castelá prodúcese para facer referencia á “criolla das Antillas” onde o castelanismo se xustifica pola natureza estranxeira da personaxe á que fai referencia. De moi diferente fasquía é a aparición de “–¡Hola, Juan!” en boca dun antigo zapateiro case ao final do conto. Este saúdo retrata o abandono da lingua propia no paso do individuo do mundo rural ao mundo urbano, un patrón de castelanización común a milleiros de galegos e que aínda hoxe segue a operar na sociedade galega. Cómpre ter en conta que nesta personaxe ao proceso migratorio como causa do fenómeno de substitución lingüística é necesario engadir o factor do ascenso social. Pero tamén nos debemos preguntar por que Otero retrata neste caso o cambio de código na personaxe e non o fai noutras que posiblemente por esa altura tamén estarían castelanizados. Con toda probabilidade o castelán aquí serve ao autor para acentuar o descenso social de don Xohán que xa non infunde ningún tipo de respecto nos que antes ata lle gardaban admiración. E así o zapateiro rexeita o que lle lembra a súa anterior condición como inferior e busca no castelán un efecto equilibrador fronte ao fidalgo, como se o emprego do castelán o igualase ao anterior superior.
En Medicina legal a filla do señor Delmiro anda metida a “maestra”. Con este castelanismo Otero salienta a xa significativa desgaleguización desta muller a outros niveis (afectos, costumes, etc.) mais tamén denuncia da castelanización da institución que representa, a escola, importante axente castelanizador na sociedade que aínda hoxe non ten superado tal condición.

SEN COMENTARIOS

DEIXAR UNHA RESPOSTA

*