O primeiro protagonista da clase non privilexiada é o señor Venerando de Medicina legal. Esta personaxe está dominada pola envexa cainita, un sentimento que corrompe o individuo “Coma se no outro canteiro estivera sentada a sombra do seu fracaso”. Malia asasinar o seu cuñado non hai no seu tratamento ningún tipo de crítica nin censura, como se o autor o absolvese por considerar xusto o crime que comete. De feito, os abusos que recibe do cuñado pretenden captar a nosa simpatía cara ao asasino que realiza un acto de xustiza ao matar a quen o aldraxa arreo.
O señor Delmiro exemplifica a visión negativa que Otero nos ofrece do comercio e do cambio económico que este supón. A personaxe tamén nos dá conta da estreita relación existente entre economía e política ao debuxar os dous ascensos sociais como paralelos, o que vén xustificar o seu nomeamento de alcalde. Son numerosos os abusos que comete contra o seu cuñado pero a verdadeira culpabilidade deste home reside na riqueza e na relevancia social que esta implica, no adro todos os veciños o arrodean e na súa nova tenda “entraba o diñeiro aos ferrados”. Este será o pecado que o leve á morte ás mans dun cuñado comesto pola envexa.
En A revolta de Casdenón atopamos outros dous protagonistas que son homes da aldea. Existe certo paralelismo entre o tratamento destes e o que viamos en Medicina legal. Aquí o Bicho e o dos Inxertes enfróntanse por unha serventía, gana o Bicho e o outro leva a cabo a súa vinganza asasinándoo. Estevo dos Inxertes non actúa só senón que conta cun cómplice, o seu fiel criado O Etelvino caracterizado positivamente. Non só o Etelvino é visto con bos ollos polo narrador, senón que o dos Inxertes tamén conta co seu beneplácito. Pola contra, o narrador atribúelle calidades ao asasinado que o caricaturizan“Foise pondo groso, […] saía de a paseo, […] por consello dos médicos, desconfiados da operación do porco cotián, […] o Bicho apareceu, como sempre, adispaciño, máis groso e pousón…
O conto titulado Co luar escornado do San Martiño ofrécenos un home de aldea singularizado fronte a todos os demais. O Dorindo da Fonte Vella non é unha personaxe tipo, é un home individualizado cuns problemas concretos. Introvertido, desprovisto dunhas relacións sociais estables, convértese nunha personaxe problemática en canto se enfronta coa súa familia que si está integrada socialmente. Tense dito que Dorindo representa a loita entre a vontade de superar a pobreza a través do traballo e a tentación de abandonar ante a adversidade. Mais, eses veciños dos que se agacha porque están na tenda, ou eses que xogan á baralla na taberna tamén procuran superar a pobreza a través do traballo. Para que traballa o Dorindo? Só hai nel sacrificio? Non hai cobiza da terra? Se ben é certo que traballa para a prosperidade familiar non o é menos que a súa obsesión destrúe a súa familia e fai del un home só ao que unicamente lle queda o consolo de saberse entendido polas forzas extraordinarias que lle falan a través do lume e por ese fillo naipelo que un día ha seguir os seus pasos. Ese é o motivo da queima do billete, a rebeldía de sentirse posuidor da verdade aínda que sexa en solitario.
O derradeiro conto do libro, O torques é unha homenaxe á obra de Castelao Os dous de sempre e como ocorría naquela, aquí tamén cada un dos protagonistas exemplifica unha forma de entender a vida. O da Canella caracterízase polo seu apego á terra e ao traballo, individuo realista segue o rego marcado polo bo sentido da maioría e é esencialmente bo. O da Ourizada, sen embargo, prefire soñar, viaxar e encherse de experiencias polo mundo adiante. Cando o da Ourizada rexeita o ofrecemento do da Canella de compartir o torques de ouro revélasenos como un verdadeiro soñador que procura unha Ítaca inexistente ata o final.

SEN COMENTARIOS

DEIXAR UNHA RESPOSTA

*